Facermos Mallando no Android posíbel

equipo android

Mallando no Android é un proxecto sen ánimo de lucro.

Por moito que isto non sexa unha novidade, non debemos deixar de repetilo. Mallando no Android non ten como obxectivo gañarmos cartos. Como xa sabedes, en Mallando no Android proporcionamos información actualizada sobre telefonía Android, levamos a cabo a cobertura de eventos, facemos traballo de asesoría nas redes sociais… porque nos gusta, gratuitamente, e, de feito, en moitos casos, causando perdas ao equipo.

Poñamos por exemplo este mes. Entre os días 5 e 12, Mallando no Android fixo o seguimento do CES de Las Vegas, presentando as novidades que alí se deron. O traballo levado a cabo foi intenso, publicáronse 45 novas en sete días, e o resultado foi moi ben recollido. Porén, ao contrario que moitos outros medios, os integrantes do equipo non puidemos estar en Las Vegas. O custo da viaxe é inasumíbel para Mallando no Android.

Si estaremos no MWC o mes vindeiro en Barcelona. O MWC é o principal evento de telefonía móbil do mundo e o lugar onde Mallando no Android realiza algúns dos contactos máis frutíferos con fabricantes, distribuidores, desenvolvedores, etc, que despois convertimos en información e, se temos sorte, en regaliños, para todas vós. Aínda que a viaxe a Barcelona sexa asumíbel, e con gusto, novamente os membros do equipo terán que pagar boa parte da viaxe dos seus petos.

E é que Mallando no Android non ten sponsors.

Mallando no Android non recibe ningún tipo de pago das marcas por insertar publicacións, nin fai posts patrocinados de ningún tipo. Obviamente, si somos convidados (non sempre, depende do fabricante) a presentacións de terminais e ás veces até conseguimos que nos paguen a viaxe e o hotel para que informarvos non sexa unha ruína (ao que tamén contribúe o hosting gratuíto que nos dá Dinahosting a través do seu programa social, polo que estamos eternamente agradecidos), mais máis nada.

Tampouco temos subvencións, nin publicidade institucional de ningún tipo. A pesar de que Mallando no Android sexa a principal publicación sobre Android en galego, non recibimos o apoio económico de ningunha administración, nin deixamos que a nosa web sexa a canle para que estas administracións se publiciten.

En Mallando no Android pensamos que a nosa independencia e a sinceridade (ollo, non imparcialidade) nas nosas informacións, opinións e consellos son chaves para a confianza que tedes en nós, e somos conscientes de que iso vale máis que calquera patrocinio, calquera viaxe organizada na que algún fabricante se dedique a mimarnos ou calquera pago por publicidade. Rexeitando estas accións evitamos pór en risco a nosa independencia, non lle deberemos nada a ninguén, e poderemos seguir falando libremente sen pensar se as nosas palabras terán consecuencias nas relacións coas marcas.

É por iso que os únicos sponsors de Mallando no Android sodes vós, as lectoras.

Non só economicamente, senón tamén animicamente sodes as responsábeis da pervivencia deste proxecto. E por iso estamos a escribir este post.

Durante a primeira parte da campaña de micromecenado, conseguimos, a través das vosas doazóns, 285,93€, que invertimos no dominio .gal e en varios billetes de avión, entre eles os que nos permitirán cubrir o MWC. Grazas. Moitas grazas.

Este ano, e a raíz da boísima recepción da cobertura do CES, en Mallando no Android propuxémonos asistir ao maior número de feiras posíbeis. Cremos que a cobertura que vos podemos dar in situ sempre vai ser mellor á que fagamos remotamente, e queremos que teñades a mellor información posíbel. As viaxes ao IFA de Berlín ou ao Google I/O son moito máis caras, mais non renunciamos a elas. Por iso, queremos que sexades vós quen decidades e quen nos axudedes. Se queredes que vos poidamos dar a mellor información posíbel in situ, conseguir máis e mellores contactos e regalos para sortear, se queredes que esteamos alí onde se está a producir a noticia, ide ao lateral esquerdo da páxina e doade unha pequena cantidade.

Porque vós sodes os que facedes posíbel Mallando no Android.

Grazas.

Sobre o autor

No Responses

Reply