A finais de novembro pasou polas nosas mans o Honor 6, o primeiro trebello da nova marca comercial de Huawei para Europa; hoxe queremos falarvos doutro dos dispositivos desta nova andaina, o Honor 3C, que destaca polas súas boas prestacións a un prezo moi contido.
Deseño, acabado e conexións
O Honor 3C é un dispositivo co típico deseño dun trebello chinés. A súa carcasa é estándar, sen un deseño diferencial e lixeiramente curvada nos laterais para facilitar o agarre do mesmo. A capa traseira é plástica, e tanto esta como a pantalla son amigas das pegadas dactilares, polo que custa manter o trebello impecable.
Na parte frontal atopamos a pantalla e no chasis frontal os botóns táctiles de inicio, atrás e menú tradicionais de Android, ademais de sensores e cámara na parte superior. No lateral dereito concéntranse os botóns do trebello, o de acendido e os de volume, mentres que na parte superior só temos o jack 3.5 de audio. O conector microUSB sitúase no lateral inferior e na parte traseira temos a cámara principal, co seu flash LED, e o altofalante.
Abrindo o dispositivo temos acceso a dúas bandexas para tarxetas SIM, polo que poderemos empregar dúas liñas telefónicas a un tempo. Preto delas temos tamén a rendixa para microSD, que nos permite aumentar en 64 GB a memoria interna do teléfono.
Pantalla
O Honor 3C incorpora unha pantalla HD de 5 polgadas cunha resolución 1280 x 720 píxeles. Quitando o tema das pegadas que xa comentamos, a pantalla destaca polo seu brillo, que nos permite empregar o teléfono sen medo de sufrir co sol incidente.
Ten un amplo ángulo de visión, pero a resolución pode quedar un pouco curta para o consumo de certos contidos, aínda que está por riba dos trebellos da súa gama.
Sistema operativo
Vén con Android 4.2.2, Jelly Bean. Isto é, dúas versións por detrás da actual, e non sabemos se será actualizado a KitKat ou Lollipop. Sobre el temos a interface Emotion UI 2.0, que se caracteriza por unhas iconas de aplicacións redondeadas e moi recoñecíbeis e pola ausencia dun menú de aplicacións como tal, senón que estas aparecen segundo nos desprazamos cara un lateral.
Todo vai moi fluído e as transicións son instantáneas, polo que temos unha moi boa experiencia de usuario con el. A (práctica) ausencia de software supérfluo preinstalado é outra cuestión a agradecer, pois permite que na práctica teñamos unicamente o que nós instalemos desde a Play Store.
Ten algunhas opcións extra, como a configuración para empregar cunha soa man (para nós prescindíbel, xa que co tamaño que ten manéxase sen problema) e o modo luvas, que fai a pantalla máis sensíbel para podermos empregar o teléfono sen ter que sacar as luvas das mans.
Cámara
A cámara principal é de 8 megapíxeles, mentres que a frontal queda nos 5, coa que conseguimos uns autorretratos de maior calidade. Centrándonos na principal, os resultados son aceptábeis, pero tampouco nada do outro mundo.
A aplicación de control de cámara é moi básica e apenas dispón de modos, aínda que si ten as opcións de panorámica, HDR e detección de sorriso.
No noso perfil de Flickr podedes ver algunhas mostras.
Batería
A batería é de 2300 mAh e con ela tivemos unha autonomía de día e medio de uso, polo que neste senso está dentro do normal e medianamente exixíbel a un dispositivo.
Conclusións
Completan a folla de características un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna. Grazas a estas especificacións todo vai fluído no dispositivo, conseguindo un moi bo rendemento mesmo cando empregamos xogos ou andamos saltando de aplicación en aplicación.
A posibilidade de empregarmos dúas tarxetas SIM resultounos moi interesante, sobre todo para viaxarmos ao extranxeiro e poder seguir mantendo operativas dúas liñas telefónicas.
O Honor 3C custa 139,99 €, co que a relación calidade / prezo do dispositivo é inmellorábel, situándose como a mellor opción por baixo dos 150 € que podemos mercar nestes momentos.
A actualización a KitKat está disponible dende xullo de 2014.
A nós non nos saltou. De todos os xeitos, iso que comentas é erróneo, porque a marca lanzouse en outubro ¿?