Analizamos o Nexus 6, o último trebello de Google

nexus 6 - 2

Tras HTC (Nexus One), Samsung (Nexus S, Galaxy Nexus) e LG (Nexus 4, Nexus 5), Google decidiu que fose Motorola quen se encargase de fabricar o Nexus 6. Non cabe dúbida que tivo moito que ver o paso do histórico fabricante por mans de Google, ou os exitosos Moto G e Moto X, que serviron para volver poñer no mapa unha compañía que ía de capa caída desde había tempo.

O Nexus 6 súmase á moda das pantallas grandes, ao tempo que racha coa tendencia de prezos contidos á que nos (mal)acostumou Google nos últimos dous anos. Malia sobrepasar os 600 euros, non podemos falar dun prezo exaxerado para as súas especificacións e características, aínda que por outra banda non é un trebello que destaque sobre a competencia ou teña algo que o faga especialmente diferente.

Deseño, acabado e conexións

O Nexus 6 é un dispositivo que desde logo chama a atención. Faino polas súas dimensións, xa que obviamente é un trebello grande e algo pesado (arredor de 180 gramos), ademais de groso na parte máis ancha. Porén, o seu deseño curvado na parte traseira facilita o seu agarre e fai que sexa máis cómodo, aínda que a un tempo isto tamén é unha desvantaxe, xa que non é estábel (baila) cando está sobre unha superficie plana, como unha mesa.

nexus 6

O máis fermoso do dispositivo é a parte traseira, coa palabra Nexus gravada en letras grandes xunto ao logotipo de Motorola, lixeiramente afundido, como nos Moto G / X. Nesta mesma zona atopamos a cámara principal e o seu flash LED de anel, que rodea a lente; na parte superior está o conector jack 3.5 mm de audio e a bandexa extraíbel para tarxeta nanoSIM. Na inferior sitúase o microUSB e no lateral dereito os botóns de acendido e volume. Finalmente, na parte frontal temos a cámara secundaria e os altofalantes, bastante ben disimulados e integrados no conxunto do móbil.

Os acabados, plásticos, teñen como principal punto negativo que son moi amigos das pegadas datilares e atraen o pó de mala maneira, co que resulta imposíbel que o trebello se manteña limpo por moito tempo. O seu deseño é compacto, unibody, polo que tampouco poderemos abrilo para, por exemplo, extraer a batería.

Pantalla

Google deu co Nexus 6 o salto ás 6 polgadas, escollendo para ilo un panel AMOLED con resolución 1440 x 2560 píxeles, que en termos xerais funciona bastante ben, como cabe agardar dun panel destas características.

Malia todo, a xestión do brillo resultou algo reguleira, seguramente pola calidade do sensor de brillo empregado, que fai que o cambio de luminosidade ao mudar de ambiente sexa algo lento. Con todo temos unha experiencia en exteriores que, sen ser a mellor do mercado, é bastante acaída.

Sistema operativo

O Nexus 6 foi, xunto co Nexus 9, o trebello encargado de estrear a nova versión de Android, 5.0 ou Lollipop, que como xa temos comentado en numerosas ocasións supón un importante chanzo en deseño, coa actualización de Material Design, novas transicións, menús e xestión da multitarefa.

Con todo, vemos que a adaptación do sistema operativo ao tamaño da pantalla non é todo o ideal que nos gustaría, xa que quedamos coa sensación de ter moito espazo desaproveitado, pois as iconas son moi grandes (e non mudábeis por defecto, aínda que obviamente podemos empregar launchers de terceiros). Neste mesmo senso, a utilización de Android sen apps específicas para sacarlle partido a semellante pantalla fai que o dispositivo veña un pouco “baleiro de máis”.

nexus 6 capturas

Destaca a inclusión de Ambient Display, que coñecemeos cando Motorola presentou o primeiro dos Moto X; este sistema permite que a pantalla se active cando temos notificacións para amosárnolas, ou cando collemos o trebello na man. Unha funcionalidade a priori non imprescindíbel pero que se bota de menos cando non se ten.

Cabe falar tamén da inclusión do galego. Desde Lollipop, Android ten soporte para o galego, polo que por fin podemos disfrutar do sistema operativo no noso idioma e os fabricantes quedan sen excusa para o usar. Porén, o compromiso de Google ten que mellorar, e non é de recibo que haxa aplicacións deles que non estén na nosa lingua, como a propia galería ou YouTube, por poñer algún exemplo.

Cámara

A cámara é un dos aspectos aos que Motorola prestou máis atención neste trebello, sabedores de que era unha das principais demandas das usuarias dos Nexus. A principal ten un sensor de 13 megapíxeles, que funciona bastante ben en case calquera situación á que a podemos expoñer.

nexus 6 - 3

As principais eivas atopámolas en condicións de baixa luminosidade, onde non funciona tan ben como desexaríamos nun trebello que sobrepasa os 600 euros, pero que se mantén en liña con outros dispositivos da súa gama.

Podedes ver unha galería de imaxes no noso perfil de Flickr. Bonus: bótalle un ollo a esta photosphere.

nexus 6 galeria

Batería

A batería do Nexus 6 é de 3220 mAh, que na práctica resultan abondos para acabar o dia sen problemas; neste senso constatamos que a evolución deste punto na familia Nexus vai polo bo camiño, sendo abismal o salto desde o Nexus 4.

Cómpre sinalar que ademais o Nexus 6 incorpora un sistema de carga rápida, polo que poderemos ter o teléfono completamente cargado en apenas hora e media, ou unhas 6 horas de autonomía adicional en 30 minutos, o que nos pode salvar de máis dun apuro.

Conclusións

Para tratar este punto cabe lembrar que estamos a falar dun dispositivo que incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 805, de catro núcleos a 2,7 GHz, 3 GB de memoria RAM e opcións de 32 e 64 GB de memoria interna.

Con este hardaware podemos agardar que a resposta sexa sempre superlativa; en termos xerais isto é así, pero constatamos que nalgúns momentos de saturación non responde todo o rápido que agardamos, algo que choca coa velocidade xeral do sistema operativo. Imaxinamos que nisto ten moito que ver que aínda esteamos con versións iniciais de Lollipop, e que se irá pulindo con sucesivas actualizacións.

Tras estalo probando un par de semanas quedámonos cunha sensación bastante agridoce. Dunha banda é obvio que estamos ante un dispositivo resultón, que ten moitas cousas que nos encantan e que sen dúbida corrixe moitos fallos que tivo Nexus durante os últimos anos. Porén hai que dicir que tivemos certa decpeción por non ser un dispositivo que saque máis proveito ás súas potencialidades nin sexa mellor nalgo sobre a comptencia directa que hai na gama alta Android.

O seu prezo (649€ o de 32 GB, 699 € o de 64 GB) tampouco axuda a que o Nexus 6 sexa un teléfono de masas como os seus predecesores; imaxinamos que tampouco é iso o que busca Google con el, pero o certo é que non teríamos claro se compensa gastar os cartos nel ou noutro da mesma gama noutra marca.

Sobre o autor

No Responses

Reply