Analizamos o Woxter Android TV 800

woxter tv interface

De cando en vez atopamos algún set-up box que nos permite empregar Android no noso televisor, aínda que non debemos confundirnos con Android TV, xa que hai algunhas diferenzas. A meirande parte destes set-up box o que fan é adaptar unha versión de Android (non optimizada a priori para televisores) a unha pantalla grande horizontal, cuns resultados, polo xeral, bastante satisfactorios.

woxter tv 2

Polas nosas mans vén de pasar o Woxter Android TV 800, un accesorio económico que convirte precisamente a nosa televisión nun dispositivo intelixente, cunha interface sinxela e coa que calquera usuaria de Android está familiarizada.

Especificacións

As súas especificacións son xustas para os estándares aos que estamos acostumados nos smartphones e tablets de hoxe en día, aínda que para o seu cometido resultaron abondas. As principais son as que resumimos a continuación:

  • Procesador Cortex A7, QuadCore a 1 GHz
  • 1 GB de RAM
  • 8 GB de memoria interna
  • Decodificador FullHD 1080
  • Android 4.2

Destaca especialmente o apartado de conexións e conectores, onde atopamos que hai case de todo: 2 portos USB para conectar memorias externas ou accesorios periféricos, porto microUSB, lector de tarxetas SD, HDMI 1.4, receptor de infravermellos, WiFi e LAN Ethernet RJ45.

woxter tv

Ademais, é compatíbel con Miracast, DLNA e AirPlay, polo que podemos usalo para repoducir directamente contidos dos teléfonos Android ou iOS.

Do seu deseño, pouco que dicir: ten unhas dimensións de 127 x 127 x 24 mm e os acabados son plásticos. Os principais conectores (os fixos) están na parte traseira, mentres que nun lateral están os de uso intermitente, como o lector de tarxetas ou un dos USB.

Usabilidade

A interface do dispositivo está simplificada, de tal xeito que nada máis se inicia temos acceso ás funcións principais: TV, xestor de medios, xogos, música… ou o caixón de aplicacións, onde poderemos acceder a todas as que teñamos instaladas. Ao ter acceso á Play Store podemos instalar as das televisións, o que nos abrirá as portas a poder ver unha chea de programas á carta, algo que consideramos imprescindíbel.

woxter tv interface apps

Inicialmente o dispositivo vén con dúas aplicaicóns de televisión instaladas, Netlive e CloudTV. Ambas as dúas dispoñen de centos de canles que se emiten a través da Internet e que podemos reproducir en streaming, con contidos para todos os gustos. Ademais as canles están organizadas por diferentes categorías, atendendo a temáticas, idioma… resultando un auténtico trampolín ao entretemento.

woxter tv interface tv

Empregar outro tipo de aplicacións, como Gmail ou Twitter, faise máis raro, non polo feito de facelo na televisión, que tamén, senón porque non están optimizadas para adatarse a isto, polo que a experiencia é máis ben pobre e incómoda.

woxter tv interface twitter

En canto a usabilidade, a caixa de TV vén cun mando, que malia servir para manexarnos por todos os menús e mesmo escribir no teclado virtual, é bastante incómodo. Por iso o mellor que podemos facer é conectarlle un teclado e un rato para manexar como se fose un computardor. Estes son accesorios imprescindíbeis.

Conclusións

Se estamos a bucar un dispositivo que actualice e conecte o noso televisor para darnos acceso á TV á carta ou a reproducir contido desde outros soportes, o Woxter Android TV 800 cumpre as súas funcións, mais se o que queremos é empregar o noso televisor para navegar pola rede ou empregar as aplicacións sociais, malia poder facelo, non é o máis acaído, xa que tentar facer algo será moito máis incómodo que coller o móbil.

Malia ter un hardware xusto, ten un rendemento bastante aceptábel. Hai algúns momentos de lag, sobre todo cando mudamos moito de aplicación e van quedando en segundo plano, aínda que a experiencia global non deixa de ser boa.

O Woxter Android TV 800 custa 89,99 € e podemos mercalo na tenda en liña do fabricante.

Sobre o autor