Analizamos o Huawei Ascend Mate 7

huawei ascend mate 7

Huawei é un claro exemplo de compañía que soubo adaptarse ás necesidades das usuarias e irse actualizando en todos os novos teléfonos que foi presentando nos últimos meses. A día de hoxe dispón dun catálogo amplo, con solucións para todos os gustos e petos, ademais dunha segunda marca, Honor, que chega con moita forza.

Polas nosas mans vén de pasar un dos últimos trebellos da compañía, o Huawei Ascend Mate 7, un dispositivo de gama alta e pantalla grande cun prezo moi axustado. Estas son as nosas impresións

Deseño, acabado e conexións

Como diciamos, o Ascend Mate 7 é un terminal de grandes dimensións, aínda que certamente vén con marcos reducidos nos laterais e nas partes superior e inferior, polo que esa sensación de ser enorme dilúese un pouco. Resulta especialmente delgado e non excesivamente pesado para o seu tamaño, e ten unha pequena curvatura que facilita a suxección.

huawei ascend mate 7 3

No que ten a ver con conectores e botóns, no lateral esquerdo sitúanse as bandexas extraíbeis para as tarxetas microSIM e microSD e na parte superior temos o jack de audio 3.5. Todos os botóns (acendido e volume) sitúanse no lateral dereito do trebello, e na parte inferior unicamente está o microUSB, para carga e conexión de datos. A parte dianteira está presidida pola pantalla, aínda que na parte de arriba temos a cámara frontal, o altofalante e os sensores, mentres que atrás está a cámara, co seu flash LED, e o lector de pegada dixital.

huawei ascend mate 7 lector

As sensacións son moi boas, resultando especialmente cómodo sostelo na man. Inflúen nisto os materiais, sendo o aluminio o principal protagonista.

Pantalla

A pantalla é un panel de 6 polgadas, con resolución FullHD (1920 x 1080), o que dá unha densidade de 368 píxeles por polgada. Conta ademais con protección Gorilla Glass 3, que protexe de rabuñadas e pequenos golpes, algo que nunca está de máis.

huawei ascend mate 7 2

Estamos ante un panel que dá unhas cores bastante realistas e un visionado de bastante calidade en case todos os ángulos. O punto negativo é quizais o do brillo, que non destaca especialmente, polo que en exteriores, baixo o sol directo, non temos os mellores resultados do mercado.

Sistema operativo

O Ascend Mate 7 vén con Android 4.4.4 KitKat, aínda que será actualizado a 5.0 nalgún momento por confirmar. Con todo, sobre esta versión de Android está a capa EMUI 3.0, que inclúe moitas cousas de Lollipop, como os botóns ou cousas relacionadas coas notificacións.

O launcher destaca polos seus característicos botóns, dificilmente eliminábeis, e por non contar cunha caixa de aplicacións, senón que estas aparecen movéndose lateralmente. É algo que non nos acaba de convencer, quizais por sermos algo tradicionais neste aspecto, pero en todo caso non é algo que non poidamos solucionar coun launcher.

Esta personalización tamén se aprecia nas opcións relacionadas co lector de pegadas que inclúe, que van máis aló da identificación para o desbloqueo do teléfono, permitindo protexer datos ou agochar aplicacións empregando a nosa identificación única.

En canto a software preinstalado, atopamos xogos e ferramentas básicas, aínda que podemos desinstalalos sen maior problema, feito que é de agradecer.

Cámara

A cámara principal ten un sensor de 12 megapíxeles con f2.0, mentres que a frontal é de 5 megapíxeles, conseguindo que os selfies sexan de máis calidade.

A cámara principal ofrece uns resultados de aprobado, sen ser especialmente notábeis. Resumindo moito, funciona axeitadamente cunha iluminación correcta e achega uns resultados máis ben pobres con pouca iluminación.

A aplicación de cámara que vén por defecto ofrece bastantes configuracións, aínda que a miniaturización dos botóns de acceso a estas opcións fai que sexa pouco preciso e haxa que dar “varios tics” para entrar, o cal pode ser un incordio.

Podedes ver unha selección das imaxes tomadas con este dispositivo no noso perfil de Flickr.

ascend mate 7 galeria

Batería

Sen dúbida a batería é un dos puntos fortes deste terminal. Os 4100 mAh tradúcense nunha autonomía moi superior a outros dispositivos, que nos lembrou o bo traballo que fixo no seu día LG co G2.

Cun uso medianamente moderado o Mate 7 pode sobrepasar os 2 días de autonomía, e sendo moi exixentes acabamos o día co 30 – 35 %, o cal é unha grandísima marca. Por se non fose abondo, o teléfono inclúe diversos axustes de aforro de enerxía que poden alongar un pouco máis a duración desta.

Conclusións

Non cabe dúbida de que o Ascend Mate 7 é un trebello que está á altura. No seu interior temos un procesador firmado polo propio fabricante, o Kirin 925 de oito núcleos, 2 GB de memoria RAM e opcións de 16 ou 32 GB de memoria interna (ampliábeis), dispondo ademais de conectividade 4G. Con estas cifras, o certo é que o rendemento é bastante bo. Funciona ben cando se lle exixe moito e apenas ten lags, algo no que tamén ten que ver a optimización do sistema operativo.

huawei ascend mate 7 detalle

É un dispositivo que cumpre que está á altura en case todo, sendo a cámara o seu peor aspecto, que agardemos melloren en sucesivos dispositivos. A capa de personalización é quizais demasiado invasiva, e tamén demasiado oriental para os nosos gustos, pero como dixemos antes é algo que podemos solucionar instalando calquera launcher, como Google Now Launcher, por exemplo.

O Huawei Ascend Mate 7 pódese mercar no noso país por pouco máis de 400 euros, un prezo moi acaído para un dispositivo da súa gama.

Sobre o autor

No Responses

Reply