Sony presenta un novo terminal de entrada, o Xperia E4

A xaponesa Sony vén de dar a coñecer un novo trebello, o Sony Xperia E4, un dispositivo sinxelo orientado a o público que busca algo económico e sen moitas florituras.

Incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución qHD (960 x 540 píxeles), bastante baixa para os estandares actuais, procesador MediaTek MT6582, de catro núcelos a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.

A súa cámara principal é de 5 megapíxeles, con HDR e zoom 4X, ademais de capacidade de gravar vídeo en FullHD. Imaxinamos que, sendo Sony, será mellor cámara que a que adoitan incorporar outros dispositivos da súa gama. A cámara secundaria, frontal, ten un sensor de 2 megapíxeles.

Xperia E4_Frontal

Tamén é digna de mención a batería, de 2300 mAh, que segundo din permite dous días de autonomía. Ademais, incorpora o modo Stamina, co cal pode aguantar até unha semana lonxe dos enchufes, aínda que perdendo funcionalidades de smartphone.

O Sony Xperia E4 estará dispoñíbel en branco e negro, aínda que con carcasas intercambiábeis en diversas cores para aumentar as posibilidades de personalización. Tamén haberá dúas versións atendendo a se o eliximos cunha ou con dúas SIMs. En canto a prezo, de momento non transcendeu, aínda que seguramente estará por baixo dos 150 euros.

Sobre o autor

Reply