LG preanuncia o novo reloxo LG G Watch Urban, que presentará no MWC

lg g watch urban

LG é como un pícaro que sabe un segredo e está desexando contalo: ultimamente son incapaces de chegar aos eventos de prensa que teñen programados sen ter adiantado cando menos parte do que anunciarán. Desta vez a cita será no MWC, e veñen de anunciar o G Watch Urban, un novo reloxo con Android Wear e un deseño moderno e elegante.

lg g watch urban 2

O G Watch Urban garda grandes parecidos co seu predecesor, o G Watch R, aínda que os acabados son en ouro ou prata e a correa que trae inicialmente (ao igual ca no R poderase mudar por calquera outra de 22 mm) de coiro.

lg g watch urban 3

En canto a especificacións, a pantalla é un panel redondo P-OLED de 1,3 polgadas, con resolución 320 x 320 píxeles (245 ppi), o procesador un Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, ten 2 GB de RAM e 4 GB de memoria interna. A batería é de 410 mAh e vén con sensores de 9 eixos (xiroscopio, acelerómetro, brúxula), barómetro e sensor de pulso cardíaco. Tamén é resistente á auga e pó segundo o estándar IP67.

Será no MWC cando coñezamos toda a información que falta sobre o trebello, entre ela o seu prezo e dispoñibilidade. Polo momento quedamos coas ganas de ver en directo o que semella ser o reloxo Android Wear máis apetecíbel até agora.

No Responses

Deixa un Comentario