Acer leva ao MWC novos smartphones e unha pulseira de actividade

Acer trouxo na maleta ao MWC un total de 3 novos smartphones Android e un wearable, a pulseira Liquid Leap+. Dous dos smartphones pertencen á familia Liquid e un á Jade, que vén a ser o máis destacado da compañía.

Liquid_Jade_Z_black_HERO

Comezando polo tope de gama, o Jade Z vén cunha pantalla IPS de 5 polgadas construída con Gorilla Glass e Zero Air Gap. No seu interior incorpora un procesador MediaTek de catro núcleos e 64 bits, xunto 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna. A cámara principal é de 13 megapíxeles e a frontal de 5; conta ademais con altofalantes HD e DTS Studio Sound.

O Jade Z tamén chama a atención polo seu deseño delgado e lixeiro, á vez que incorpora conectividade LTE – 4G. O seu prezo resulta bastante contido para as súas prestacións, pois será de 199 euros.

acer z520

Baixando de gama atopámonos cos Liquid Z220 e Liquid Z520, pertencentes á nova xeración de teléfonos de gama entrada da compañía, combinando deseño e potencia moderada. O Z220 está máis orientado a Internet e o Z520 ao multimedia, para o que inclúe unha pantalla maior.

acer z220

O Liquid Z220 presenta unha pantalla de 4 polgadas WVGA con 233 ppi, procesador SnapDragon 200 a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de memoria interna, cámaras de 5 e 2 megapíxeles e Android Lollipop. Pola súa banda, como diciamos antes, o Z520 está máis pensado para o multimedia, polo que inclúe un sistema de altofalantes externos máis potentes, con sistema DTS Studio, ademais de diversas funcionalidades para as selfies. Ambos os dous chegarán en marzo, por 89 (Z220) e 119 € (Z520).

acer liquid leap+

Con todo, o que máis chamou a nosa atención foi a Acer Liquid Leap+, unha pulseira de actividade con bandas en diferentes cores intercambiábeis  e compatíbel cos principais sistemas operativos móbiles (Android, iOS e Windows).

acer liquid leap+ grupo

Entre as súas funcionalidades máis destacadas está o control de pasos, sono e calorías, ademais de servir para alarmas, recepción de notificacións e control da reprodución musical. Ten unha pantalla OLED de 1 polgada e resistencia á agua segundo o estándar IPX7. Estará dispoñíbel en marzo por 79 euros.

Deixa un Comentario