Samsung presenta o Galaxy S6 e o Galaxy S6 Edge

galaxy s6 presentacion

Durante as últimas semanas falamos moito do Galaxy S6 que esta tarde vén de facerse realidade. Había moitas ganas (e moito hype tamén) de coñecer o novo terminal de referencia do fabricante surcoreano, un dispositivo que racha co pasado e aspira a ser un novo referente non só nos trebellos que empregan Android, senón tamén na telefonía móbil en xeral.

A evolución que supón o Galaxy S6 é total, e afecta tanto por fóra como por dentro. Por fóra os cambios son evidentes, abandonando o plástico para dar paso ao aluminio, un material que apenas foi empregado pola compañía. Isto supón un claro punto de inflexión, necesario tras ter presentado varios modelos que non acabaron de conectar co público precisamente por velos máis cativos.

Con todo, se os cambios por fóra xa son evidentes, no interior non deixan indiferente a ninguén. O máis relevante é a inclusión dun procesador fabricado pola propia Samsung, o Exynos 7420, de oito núcleos a 2,1 GHz e un tamaño de 14 nanómetros. Xunto a el, 3 GB de memoria RAM e versións de 32, 64 e 128 GB de memoria interna.

Para a pantalla elixiron un panel SuperAMOLED de 5,1 polgadas cunha resolución 2560 x 1920 píxeles (577 ppi). A cámara principal é un sensor Sony IMX240 de 16 megapíxeles, con estabilización óptica da imaxe e sistemas de mellora das imaxes en malas condicións lumínicas, mentres que a secundaria, frontal, ten 5 Mpx..

A batería sitúase nos 2550 mAh, con capacidade de carga rápida (4 horas extra por 10 minutos de carga) e sen fíos. Tamén hai novidades no lector de pegadas dixitais, que deixa de ser de deslizamento para ser de toque, o que facilita enormemente o seu uso.

No apartado de software o máis relevante non é que veña xa con Androdi 5.0 – Lollipop, outra versión a estas alturas sería imperdoábel, senón que a capa de personalización TouchWiz foi escrita practicamente de cero para optimizala, eliminando tamén moito contido preinstalado molesto para moitas usuarias ao sobrecargar o terminal de cousas inútiles. Agora é moito máis lixeira e intuitiva, aínda que engadiron novas aplicacións como Optical Reader ou GeoNews.

O Samsung Galaxy S6 estará dispoñíbel en azul escuro, verde azulado, dourado e branco.

Galaxy Edge

Do mesmo xeito que o Galaxy Note 4 estivo acompañado dun Note Edge, o Galaxy S6 tamén ten a súa versión con pantalla curvada, o Galaxy S6 Edge, aínda que neste caso a pantalla é curvada nos dous lados.

Poucos cambios ten este segundo modelo comparado co Galaxy S6 estándar, máis aló de que a presenza da curvatura lateral da pantalla libera espazo para podermos disfrutar de máis pantalla, ademais de servir para dotarnos de acceso rápido ás aplicacións. Ten unha resolución de 2360 x 1440 píxeles (576 ppi).

Ambos estarán dispoñíbeis desde o 10 de abril.

Sobre o autor

No Responses

Reply