ZTE anuncia no MWC dous novos smartphones, un deles con escáner biométrico

Malia que ZTE presentou varios dispositivos no CES de Las Vegas, aínda gardaba parte do novo catálogo para descubrir no MWC, como o ZTE Blade S6 ou o ZTE Grand S3. Con ambos terminais a compañía chinesa quere consolidar o mercado europeo, un pastel cada vez máis apetecíbel para o senfín de novas marcas do país asiático que están a xurdir, e colgarse a medalla de ser a primeira compañía en aplicar unha nova tecnoloxía.

zte blade s6

O ZTE S6 destaca polo seu deseño, con acabados de calidade e 7,7 mm de grosor, mais tamén por unhas características máis que interesantes para un prezo contido. A pantalla é un panel de 5 polgadas con calidade 720p, e no seu interior trae un Qualcomm Snapdragon 605 (8 núcelos), acompañado de 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna, batería de 2400 mAh e dual SIM con capacidades 4G.

As cámaras son de 13 e 5 megapíxeles, a principal un modelo de Sony (IMX214) e o sistema operativo de saída Android 5.0 Lollipop. Venderase por 250 dólares e chegará ao noso país na primavera.

zte grand s3

Por outra banda, o ZTE Grand S3 anúnciase como o primeiro terminal biométrico do mercado, permitindo desbloquear o dispositivo mediante o escaneo ocular. Isto que soa tanto a ciencia ficción é unha mostra de que a tecnoloxía ten avanzado moito até o punto de que as outrora cousas futuristas empezan a ser habituais nos trebellos cotiás.

Este dispositivo véndese como un dos principais trebellos da compañía e vén con pantalla de 5,5 polgadas (1920 x 1080), procesador Snapdragon 801 a 2,5 GHz, 3 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD, cámaras de 16 e 8 megapíxeles, batería de 3300 mAh e Android 4.4 Kitkat. Este último punto é quizais o máis polémico para tratar de vender un terminal flagship sen a última versión de Android ou novas da súa actualización.

Por se fora pouco, o prezo do dispositivo (430 €), tampouco chama demasiado para un terminal con estas especificacións se temos en conta as múltiples posibilidades dispoñíbeis.

Que vos parecen?

Sobre o autor

No Responses

Reply