Probamos Call+, a revolución das chamadas segundo Vodafone

call+ vodafone

Vodafone levou ao MWC 2015 interesantes novidades relacionadas coa velocidade e servizos 4G, ademais de dar conta dun acordo con Dropbox para ofrecer un servizo de back up con 25 GB en promoción durante un ano. Mais estes non foron os únicos anuncios feitos por Vodafone nunha feira na que tamén deron conta de Call+, un revolucionario sistema de chamada avanzado que puidemos probar.

Call+ é a reinvención das chamadas tal e como as coñecemos, para o cal faise uso da voz sobre LTE, que aporta calidade HD e permite enriquecelas cunha serie de servizos multimedia avanzados.

O funcionamento de Call+ de Vodafone é moi sinxelo e só precisa de empregarmos esta aplicación como marcador, en lugar da estándar do noso teléfono. A aplicación, que nalgún momento virá preinstalada en terminais que comercialice Vodafone, ofrécenos a posibilidade de personalizar a chamada antes de facela, seleccionando se é prioritaria, establecendo un asunto, indicando a localización ou enviando unha foto.

call+ vodafone 2

Con estas opcións, a receptora da chamada terá toda esta información na súa pantalla antes de descolgar, o que lle permite actuar en consecuencia.

Mais isto non é o único que se pode facer con Call+, cuxas opcións aumentan durante o transcurso da chamada, podendo compartir todo tipo de arquivos, albumes de fotos ou vídeos, a localización ou engadir vídeo en tempo real. Ademais, está previsto que nos próximos meses unha actualización permita ás interlocutoras escoitar unha canción ou visualizar un albume (e non só compartilo) ao mesmo tempo.

Outro aspecto que nos pareceu interesante é que ao finalizar a chamada toda a información compartida queda no rexistro de chamadas, e nas chamadas non contestadas pódense ver igualmente os parámetros cos que se nos chamou (nível de urxencia, imaxe, etc).

O Sony Xperia Z3 que comercializa Vodafone será o primeiro dispositivo en levar Call+ preinstalado, aínda que o resto de clientas da compañía poderán empregar igualmente a aplicación, que na súa versión beta estará dispoñíbel en cuestión de semanas para os Android 4.0 ou superiores.

Activación e tarificación

Call+ está activo por defecto para as clientas de Vodafone e non ten ningún tipo de tarificación adicional: os minutos descontaranse dos incluídos nas tarifas planas ou cobraranse segundo o plan da clienta, mentres que o consumo de datos descontarase do volume contratado, aínda que sempre podemos usalo baixo WiFi e aforralos.

No Responses

Deixa un Comentario