Probamos os lentes de Sony, o peor gadget da marca até o momento

Desde o lanzamento das Google Glass, os lentes intelixentes teñen sido un produto moi cuestionado pola súa utilidade final no mundo real. Nos diferentes momentos nos que as probamos vímolas como un produto con moitas posibilidades, pero prematuro e algo verde para que sexa de utilidade no día a día de calquera persoa, unha percepción que compartirán moitas usuarias e a propia Google, que nestes momentos está a traballar na súa reinvención para sacar un produto final nalgún momento.

sony smartglass 3 (2)

Mais as Google Glass non son as únicas lentes intelixentes nas que se está a traballar, e son varios os fabricantes que están interesados neste tipo de produtos. Un deles é Sony coas súas SmartEyeGlass, que puidemos probar durante este MWC. Dous modelos de lentes diferentes, dúas liñas de traballo e unha común experiencia horríbel.

No primeiro modelo fixemos unha demostración dun tradutor voz – texto. A idea non era mala: o tipo dicía unha frase en xaponés e nós viamos o texto da tradución en inglés; o problema estaba no mal que o facía, xa que o rapaz tiña que repetir unha ducia de veces a frase para que os lentes entenderan o que dicía e a tradución aparecese en pantalla, algo que deu pé a unha situación bastante cómica.

sony smartglass 3

O segundo modelo parecía, a priori, máis atractivo, e lembrounos en certa medida ás Google Glass polo seu deseño, malia que a integración da cámara na patilla resulta pouco atractivo. A demostración era un percorrido virtual en bicicleta, fin. Nada especial, ningunha idea nova e unha calidade de visualización moi cuestionábel.

Tras estas dúas experiencias o único que nos quedou claro é que Sony está moi perdida no desenrolo dos seus lentes: cada modelo é diferente, como se tratara de xogar todas as bazas a ver en cal acerta, algo que obviamente é preciso nunha fase primitiva de desenvolvemento, pero non nun produto comercializábel.

Seguramente a falta de feedback por parte da comunidade, algo que si tivo Google co programa Explorer das Glass, sexa o culpábel de que os lentes de Sony sexan desde o seu nacemento un trebello inútil e con poucas posibilidades de chegar a bo porto, a menos que volvan a empezar de cero cun plantexamento claro.

Deixa un Comentario