O Mobile World Congress 2015 a ollos dun galandroide

fira barcelona mwc 2015

Pechamos semana, e con ela pomos punto e final á nosa cobertura do Mobile World Congress 2015, coa mirada posta na próxima edición, que terá lugar entre o 22 e o 25 de febreiro de 2016. Durante todos estes días, e tamén durante as semanas previas, publicamos ducias de artigos sobre a feira e os produtos que pasarían por aló, o que se presentou e o que non, as primeiras impresións sobre algúns dos trebellos máis agardados… en definitiva, unha ampla cobertura que supón, desde o punto de vista dun medio pequeno coma o noso, unha multiplicación dos esforzos.

Este MWC será lembrado por ser o punto de partida para as redes 5G, que dentro dalgúns anos conectarán todos os nosos dispositivos á rede en mobilidade: coches, electrodomésticos, reloxos, … e calquera outra cousa que se nos poida ocorrer. Mais tamén porque aló se presentaron unha chea de novos dispositivos dos que falaremos, moito, durante todo o ano.

Samsung Galaxy S6 Edge, co seu espectacular deseño e pantalla curvada, o fermoso Huawei Watch, ou a Tarifa case ilimitada en datos de Yoigo… son só titulares dun MWC que deixou outras moitas novas e curiosidades que vos queremos contar máis polo miúdo neste post.

Android: a outra acreditación e, de novo, os pins

Hai anos que Google non ten stand de Android no MWC, o cal é unha verdadeira mágoa, xa que era un dos lugares máis divertidos de toda a feira. Con todo, este ano fixeron unha actividade curiosa, permitindo ás usuarias facer a súa acreditación con Androidify e agasallando cunha bolsa personalizada coa que poder recoller pins distribuídos por diferentes lugares da feira.

acreditacion android

Zuckerberg aburre

Podes ter moitos amigos en Facebook e ser un auténtico coñazo. Iso é o que lle debeu pasar a Mark Zuckerberg, que quixo volver a Barcelona “para comer xamón” (Zuck dixit), porque dicir non dixo nada novo sobre o que xa comentara o ano pasado. De feito hai unha imaxe curiosa que resume a súa charla:

zuck mwc

Party hard

De todas as formas e cores: con USB ou simplemente a acreditación para entrar nalgún evento. Falamos das pulseiras, que de non ter posto freo (a imaxe é do domingo), ao acabar a feira terían chegado até o cóbado.

pulseiras mwc

Microsoft pensa en todos

Lonxe queda o Microsoft pechado de anos atrás. A compañía quere sumar cota de mercado a costa de romper con algúns plantexamentos do seu pasado, e agora pensa en todas as opcións. Por iso presentaron un teclado pregábel, o Microsoft Universal Foldable Keyboard, que cabe nun peto e é compatíbel con todos os sistemas operativos.

teclado microsoft

Lígase ao noso smartphone mediante Bluetooth 4.0 e serve para escribirmos moito máis rápido no noso teléfono: un gadget imprescindíbel para editar textos longos en mobilidade.

Rumore, rumore

Como non, un evento que reúne ás cúpulas directivas dos fabricantes de telefonía móbil ten que deixar chismorreos varios. Quizais o máis destacado sexan as declaracións de Juno, presidente de LG, quen asegurou que están a traballar nos seus propios procesadores para non depender de Qualcomm, deixando caer que poderíamos velos no próximo flagship da compañía, o LG G4.

A raíz deste dispositivo, que seguramente será presentado o mes que vén, o directivo asegurou que “O G4 será radicalmente diferente ao G3 […] e estará redeseñado no exterior e interior, mellorando a experiencia de usuario”.

 Os regalos… raros

En toda feira sempre cae algún regalo, os máis habituais os típicos bolígrafos ou pinchos USB con información. Con todo, nunha feira do móbil tiña que caer un pau de selfie, algunha batería portátil e… uns calcetíns (WTF!), o agasallo comodín.

calcetins kazam

As masificacións

O MWC xunta milleiros de persoas en Barcelona, e aínda que todo está relativametne ben organizado prodúcense situacións caóticas, sobre todo á hora de moverse en transporte público. Para a próxima edición terán rematado o metro até a Fira, mais agora o cambio metro – cercanías da Praça de Espanya é un funil que hai que atravesar con moita paciencia.

masificacion mwc

O cócktail

As afterparty son outro clásico do MWC; serven para descansar a cabeza logo dun día de intenso de traballo e ter unhas palabras coas empresas que acuden ao evento nun ambiente máis distendido. Os cóckteles gañadores desta edición son os combinados esferificados de Vodafone (Nota: se non sabedes o que son as esferificacións, tedes que ver máis Master Chef)

cockteles

As novas tendencias

Se es das que leva as mans á cabeza cando che falan de paus de selfie, pensa que podías ser peor. Estes soportes para o móbil serán a nova sensación, palabrita de blogger.

evolucion selfie

Conclusións

Quizais a experiencia acumulada das edicións do MWC que levamos enriba tivo moito que ver para que a de 2015 sexa a que máis disfrutamos. Sempre nos queda a espiniña de non ter podido chegar ao 100% dos recunchos dunha feira de dimensións inabarcábeis, mais agardamos ter estado á altura das vosas espectativas e que teñamos sabido transmitir o que aló aconteceu 🙂

Seguimos!

Deixa un Comentario