Telecable quere ofrecer 4G con cobertura propia e a de Yoigo

telecableTelecable non quere agardar máis. Cansos de agardar a que Vodafone abra o acceso ao 4G ás OMV que traballan baixo a súa rede, a cableira asturiana leva meses traballando no despregamento da súa propia rede LTE, facendo uso das frecuencias que ten asignadas na banda de 2600 MHz.

Hoxe El Economista publica na súa versión en papel que ademais deses traballos na rede propia, Telecable está a negociar con Yoigo un acordo de acceso a rede para chegar aos puntos que quedasen fóra da súa área de despregamento, o que implicaría o abandono da cobertura Vodafone. O acordo tamén levaría implícito a mellora da cobertura en Asturias por parte de Yoigo, o cal sería moi beneficioso para todas as partes implicadas.

Con todo, haberá que ver como remata a historia, xa que Yoigo depende en grande medida da rede de Movistar. Isto impediu no seu momento que Pepephone puidese, inicialmente, abandonar Vodafone para empregar a rede de Yoigo, un culebrón que rematou con Pepephone usando a rede de Movistar, quen lles ofrece servizos 4G. Imaxinamos que Yoigo non cometerá o mesmo erro unha segunda vez, pero haberá que estar atentas ao desenvolvemento da historia para ver como remata.

O caso de Telecable interésanos polas similitudes coa galega R: un cableiro pequeno, con implantación nun territorio particular e cobertura móbil de Vodafone co 4G capado. Haberá que ver que acontece no caso da galega, pero polo que puidemos saber durante o MWC un posíbel acordo Vodafone – R non está nos plans máis inmediatos.

Sobre o autor

No Responses

Reply