Analizamos o Woxter Zielo Z420 HD

Woxter Zielo Z420 HD (1)

Recentemente Woxter renovou os seus terminais coa familia Zielo, integrada na serie Z, uns dispositivos que resultan certamente económicos e dispoñen dunhas especificacións máis ca abondas para un gran número de usuarias. Entre eles está o Zielo Z420 HD, un dos últimos dispostivos que analizamos.

Deseño, acabado e conexións

A primeira impresión do Zielo Z420 HD xa foi moi boa. Os acabados fan pensar que estamos ante un terminal compacto, aínda que en realidade a carcasa traseira (xunto cos marcos laterais, todo xunto) é extraíbel, para podermos acceder á batería e lectores de tarxetas.

Woxter Zielo Z420 HD (2)

O seu deseño, estilizado e cos bordes redondeados, resulta altamente atractivo e harmonioso, unha harmonía que só se rompe coa presenza dos botóns de acendido e volume, no lateral esquerdo, e polo jack 3.5 e conector microUSB da parte superior. Na parte frontal unicamente temos o altofalante principal e a cámara secundaria, mentres que na traseira está a cámara principal, sobresaínte, xunto o seu flash LED e un segundo altofalante colocado na parte inferior.

Pantalla

Incorpora unha pantalla IPS de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles e fabricada coa tecnoloxía OGS (One Glass Solution), que alixeireza as capas de cristal facéndose máis sensíbel ao tacto. A teoría funciona na práctica, e nese senso a experiencia do Zielo é moi boa. As cores son moi vivas e o brillo abondo para poder traballar co dispositivo en exteriores con comodidade, aínda que iso si, a xestión automática do brillo ás veces é un pouco lenta (é dicir, ao mudar dun entorno con moita luz a un escuro tarda un pouco en adaptarse.

Sistema operativo

No que ten a ver co sistema operativo, emprega unha versión practicamente limpa de Android 4.4 KitKat, que seguramente non será actualizada a versións posteriores. A maiores atopamos algunha aplicación extra, como un xestor de arquivos, un editor de vídeo, a radio FM. Pouco máis hai que dicir neste aspecto, xa que non hai sorpresas agochadas ou diferenciacións fronte outras alternativas da competencia.

Cámara e multimedia

Pasamos a falar das cámaras, onde atopamos unha principal de 13 megapíxeles co seu flash LED e unha frontal de 2. Seguramente este é un dos aspectos onde menos destaca o terminal, conseguindo uns resultados normaliños, que para unha panorámica xeral están ben, pero non son abondos para o detalle.

Woxter Zielo Z420 HD (3)

A cousa empeora se falamos de fotos tomadas con flash a obxectos que están moi preto, xa que os resultados distan bastante de ser os desexados.

Podes ver unha mostra na nosa páxina de Flickr.

wxoter zielo albume

Centrándonos no aspecto multimedia, a combinación de pantalla e son dá un resultado bastante agradábel, aínda que se poñemos o volume ao máximo apreciamos unha degradación da calidade importante, mais en condicións medias vai ben. Outro pero é que, pola situación do altofalante traseiro, é doado tapalo se empregamos o dispositivo en horizontal.

Batería

A batería ten unha capacidade nominal de 2000 mAh, que pasa un uso estándar achega arredor de día e medio de autonomía se empregamos unha SIM, pero non puidemos facer probas empregando o sistema dual SIM ao non dispór no momento de dúas tarxetas.

Conclusións

Para ir concluíndo cómpre lembrar algunhas características do dispositivo, como o seu procesador ARM Quadcore a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 64 GB ou dobre ranura SIM (tamaño estándar), que nos permite empregar 2 liñas telefónicas a un mesmo tempo.

Para unha usuaria media, o trebello resulta atractivo en todos os aspectos, especialmente por ter un deseño chulo e moverse ben coas aplicacións e requerimentos habituais. A cámara é quizais o peor aspecto deste modelo, pero para unha perspectiva xeral é máis que abonda, aínda que ficará varios pasos por detrás das exixencias das usuarias que dan moita importancia a este aspecto.

Está dispoñíbel con carcasas en 4 cores (negro, rosa, amarelo e branco) por 169 €, un prezo moi interesante para un produto destas características.

Sobre o autor

Reply