Analizamos o Energy PRO HD, o terminal perfecto para facer selfies de Energy Sistem

energy pro hd diante

Durante esta semana estivemos probando o Energy Pro HD da empresa Energy Sistem. Este terminal, pódemolo situar na tan competida gama media tendo que pelexar con unha morea de supervendas como poden ser os Moto G de primeira e segunda xeneración e a familia bq Aquaris E ou M.

Pois ben, tendo esta competencia, que características podemos sinalar ou destacar que nos fagan elixir este terminal?

Podemos comezar falando do seu hardware, que de primeiras é o que a meirande parte das consumidoras miramos cando imos mercar un smartphone:

Energy PRO HD
Polgadas / Resolución5 / 720×1280
ProcesadorARM Cortex A7 1.7GHz x 8 núcleos.
GPUGPU Mali-450
RAM1 GB
ROM8 GB
Batería2200 mAh
Versión de AndroidKitKat

Con este hardware e unha versión Kit Kat de Android moi limpa, sen capa de personalización nin unha morea de aplicacións do fabricante, conseguimos un bo rendemento que de seguro cumprirá coas espectativas da maioria das usuarias que buscan un terminal de gama media.

No día a día, xestionando redes sociais, vendo vídeos en Youtube, usando apps de mensaxería instantánea,… non tivemos lags e a resposta do terminal, nesas condicións de uso, foi boa. Esta boa resposta non empeora cando probamos algún xogo un pouco máis exixente. O único que temos que dicir e que a transicións entre pantallas, ou carga de partidas é máis lenta ca noutros terminais de máis potencia.

Un dos aspectos que queremos destacar deste Energy PRO HD é o seu deseño e aspecto físico. Aínda que teñamos diante un terminal acabado en plástico, as rapazas de Energy Sistem conseguiron achegarnos un terminal moi lixeiro (120 gramos) e delgado (8.1 mm), o que fai que sexa cómodo ao telo na man.

energy pro hd traseira

O único punto que lle debemos afear é a colocación do botón de on/off. Ao telo na parte superior e estar diante dun terminal longo, non chegamos a el dun xeito cómodo.

En canto á pantalla debemos dicir que ten un brillo suficiente para condicións de luz directa. Grazas á súa resolución, 720p, conseguimos unha boa experiencia multimedia, pero poderiamos agardar unha resolución superior por estar diante dunha pantalla de 5″.

energy pro hd principal

O que temos que destacar é que con esta resolución “baixa” (para o que estamos afeitos estes días) e que se a combinamos coa batería de 2200 mAh acadamos ao redor de 5 horas de pantalla cun uso continuo do smartphone e xestionando dúas sims, chegando sen problemas ao final do día.

Screenshot_2015-03-12-00-18-07

As cámaras que temos son unha cámara principal de 13 mpx que nos permite facer boas fotos en distancias curtas, pero noutras situacións as fotos aparecen con bastante ruido. En canto á cámara secundaria, destacamos os planos tan abertos que conseguimos que xunto cos 5 mpx e flash LED, fana a cámara ideal para selfies en grupo.

Podes ver unha selección de imaxes tomadas con este terminal no noso perfil de Flickr.

galeria energy

Conclusións

O Energy PRO HD ten algunhas eivas que poden ser decisivas para moitas; non dispoñemos de conexión LTE nin NFC, e como é un terminal unibody non poderemos cambiar de batería se o precisamos. Por contra, podemos expandir a memoria interna cunha microSD de até 64 gigas e podemos usar ao tempo dúas tarxetas sims.

Malia non ser o terminal ideal cando falamos de conectividade, si que teremos unha aceptábel experiencia multimedia e de uso diario, e cando precisamos un pouco máis de potencia para desfrutar de xogos de exixencia media, non teremos ningún tipo de problema.

Se vos decidides por mercar unha unidade, podedes facelo nesta ligazón á propia web de Energy Sistem, atopando o Energy PRO HD a un prezo de 179 euros.

Deixa un Comentario