Analizamos o Moto E 2015, o pequeno dos Motorola

moto e 2015

No seu momento, o Moto E supuxo unha pequena revolución por ser un dispositivo de marca coñecida, con baixo prezo e un bo rendemento para o hardware que incluía mais… podería ser mellor? Si, e Motorola vén de demostralo no Moto E 2015 4G.

O novo Moto E é a sucesión natural do E orixinal, que actualiza as súas prestacións e engade algunhas características que se botaban de menos no anterior modelo, como a cámara frontal ou a conectividade 4G da que tanto estamos a falar neste último ano. Vexámolo un pouco máis polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

O terminal non muda demasiado o deseño do modelo orixinal, aínda que se cadra desta vez parece un trebello máis compacto. Axuda a esta sensación o feito de contarcun corpo único e coas fendiduras das tarxetas microSIM e microSD agochadas debaixo do borde, que se pode retirar malia manter a capa traseira inamobíbel.

moto e 2015 2

Na parte frontal do dispositvo temos o altofalante principal e a cámara para selfies, ademais dos sensores habituais de proximidade. Na traseira está a cámara principal, sen flash, xunto ao logotipo de Motorola, e xa no lateral dereito toda a botoneira. O jack 3.5 atópase na parte superior, unha situación axeitada para levar os auriculares enchufados cando levamos o trebello no peto, e o microUSB sitúase na inferior.

moto e 2015 3

Resulta especialmente cómodo no agarre, unha sensación á que axuda a súa forma traseira curvada e acabados lisos. Pola contra, fíxosenos moi pesado par o tamaño que ten, aínda que ao tempo isto fai que semelle máis duro e resistente ás caídas (algo que non probamos, por razóns obvias).

Pantalla

No que ten a ver coa pantalla, atopamos un panel IPS de 4,5 polgadas con resolución HD (960 x 540 píxeles, 245 ppp) e protección Gorillas Glass 3. Sitúase por tanto por baixo dos 720p mínimos a considerar aceptábeis, polo que cando nos acheguemos un pouco veremos pixelados, sobre todo nos bordes dos logos das aplicacións.

Gustounos, iso si, o brillo, cun rango de variación axeitado para disfrutar tanto en ambientes externos como en interiores, sen ter unha pantalla molesta pola súa radiación lumínica.

Sistema operativo

O Moto E 2015 vén coa última versión de Android, 5.0 Lollipop, aínda que eliminando á mantenta certas características, entre elas o galego. A cambio introduce algunhas aplicacións que xa coñeciamos doutras gamas de Motorola, como Active Display, que acende a pantalla para amosarnos notificacións ou a aplicación Motorola Alerta que avisa aos nosos contactos en caso de emerxencia.

moto e 2015

Fóra diso a experiencia é practicamente a mesma que a que podemos ter nun Nexus, polo menos esteticamente, porque obviamente non corre igual de fluído ca, por exemplo, o Nexus 6. Isto é obvio, o hardware é moi inferior, pero aínda así móvese ben e non ten lags moi acusados, agás cando exiximos moito.

Cámaras

O dispositivo dispón de dúas cámaras, a principal de 5 megapíxeles (sen flash) e a frontal, novidade desta versión, con calidade VGA. Sen dúbida o das cámaras é o apartado no que o Moto E 2015 sae peor parado. A VGA frontal permite uns selfies sen moita definición, pero que poderían ser aceptábeis, mais a principal é mala, tanto pola pouca definición como polo enfocado. A falta de flash, inadmisíbel no 2015, limita o seu uso a ambientes con boa iluminación.

A falta de denifición da pantalla pode contribuír a que pensemos que unha toma ten, aparentemente, un resultado aceptábel, mais cando subimos a imaxe á rede ou a vemos nun ordenador, topámonos que a realidade é ben distinta

Deixámosvos unha pequena galería fotográfica na nosa páxina de Flickr.

Batería

Ao contrario que a cámara, a batería é un dos puntos fortes do trebello. Ten unha capacidade de 2390 mAh, que unida a unha pantalla de baixa resolución que non consume en exceso achega unha autonomía que pode chegar aos dous días de uso sen moito esforzo, aínda que o habitual é conseguirmos un día e medio.

Conclusións

No seu interior, o Moto E 2015 integra un procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD de até 32 GB, que en xeral rinden ben, aínda que como comentamos cando falamos do sistema operativo, acusa certo lag cando empezamos a acumular aplicacións abertas.

Con todo, hai que miralo coa perspectiva correcta, xa que estamos a falar dun smartphone de iniciación a Android, un básico que podemos adquirir por 129 €.

Nese rango de prezos non podemos agardar dispositivos marabillosos, mais si que cremos que o novo Moto E podería ter suposto unha pequena revolución, como fixo o ano pasado, mais perdeu a súa oportunidade.

3 Comentarios

  1. carmen 8 Abril, 2015 Responder
    • Iago Varela Martínez 8 Abril, 2015 Responder
      • Carmen 9 Abril, 2015 Responder

Deixa un Comentario