A Unión Europea acusa a Google e Android de monopolio

google europa

A Comisión Europea vén de facer oficial un plego de cargos contra Google, a quen acusa de posición dominante nos mercados de servizos de busca na Internet dentro da UE e favorecer os seus propios produtos nas comparativas de compra nas páxinas de resultados. Segundo di a Comisión, estas prácticas infrinxen as normas antimonopolio da Unión Europea, xa que entenden que sofoca a competencia e perxudica ás consumidoras.

Paralelamente, a Comisión Europea tamén vén de abrir outra investigación antimonopolio por Android, para tratar de averiguar se Google chegou a acordos anticompetitivos ou ten abusado dunha posíbel posición dominante no campo dos sistemas operativos, aplicacións e servizos para smartphones.

Google ten agora a oportunidade de defenderse, aínda que se prosperan as demandas da UE debería pagar unha multimillonaria multa e mudar o seu modelo de negocio en Europa.

[Actualización] Resposta de Google

Google vén de responder publicamente ás acusacións da Unión Europea con dous comunicados, un para defenderse das acusacións en compras e outra por Android.

A compañía de Mountain View remóntase a 2010, cando anunciaron que querían adquirir o proveedor de buscas de voo ITA, unha ferramenta que facilita ás usuarias achar voos na propia ventá de resultados. Daquela varias compañías de viaxe (Expedia, Kayak, Travelocity) tentaron, en éxito, que os reguladores impedisen ese movemento de Google porque temían perder cota de mercado, aínda que catro anos máis tarde semella que iso non ocorreu.

Como exemplos, amosan varias gráficas comparando os negocios de varios sitios de viaxes, como este de Alemaña.

google viaxes

Na súa resposta Google xustifícase alegando que existen moitos outros motores de busca (Bing, Yahoo, Quora, DuckDuckGo), asistentes (Siri, Cortana), ademais de servizos de compras (Amazon, Idealo, Expedia ou Ebay) que escollen as usuarias, así como tamén dicindo que cada vez son máis as persoas que buscan recomendacións en Facebook, Pinterest ou Twitter.

No que ten que ver con Android, Google lembra as vantaxes que tivo para as usuarias a existencia de Android, como un produto de código aberto, lembrando que agora é posíbel mercar un teléfono medianamente potente por menos de 100 euros.

Android, din, foi responsábel de conseguir baixar os prezos e de ofrecer ás usuarias milleiros de opcións (hai máis de 18.000 dispositivos diferentes na actualidade). Ademais, é gratuíto e contén máis de un millón de aplicacións polas que Google reparte máis de 7 mil millóns de dólares en beneficios das desenvolvedoras.

Lembran así mesmo que a competencia pode ter as súas aplicacións na tenda de Google, e poñen o exemplo do Galaxy S6, que vén con varias ferramentas de Microsoft preinstaladas.

Sexa como sexa, semella que a lea vai dar para longo…

Vía. Respostas Google 1 e 2

Sobre o autor

Reply