Analizamos o Samsung Galaxy S6 Edge

O venres pasado puxéronse á venda os novos Samsung Galaxy S6, uns dispositivos que supoñen a plena madurez de Samsung en todos os sentidos. Como sabedes, existen dous modelos, o normal (ou flat) e o Edge, que dispón dunha innovadora pantalla que se curva a ambos lados e que aporta algunhas funcionalidades extra que o fan máis atractivo.

samsung galaxy s6 edge 3

Durante todo este tempo estivemos probando unha unidade do Samsung Galaxy S6 Edge, que xa desde o primeiro momento nos causou moi boas sensacións. O dispositivo supón un golpe na mesa do fabricante coreano e fai prever que todo o que virá nos próximos anos no mundo dos smartphones vai ser fascinante.

Especificacións técnicas.

Antes de poñernos a analizar o trebello a fondo, queremos lembrar as especificacións técnicas máis relevantes. Son estas:

  • Pantalla curva de 5,1 polgadas (1440 x 2540 píxeles.
  • Procesador Exynos 8 núcleos 64 bit (quad core a 2,1 GHz, quad core a 1,5 GHz).
  • 3 GB de RAM.
  • 32 / 64 / 128 GB de ROM (non ampliábeis).
  • Cámaras de 16 e 5 Mpx.
  • Lector de pegada dixital.
  • Lector de pulso.
  • Batería de 2600 mAh (non extraíbel).
  • Sistema de carga sen fíos.
  • 4G LTE Cat 6.

Deseño, acabado e conexións.

Non hai máis ca abrir a caixa do Galaxy S6 Edge para descubrir que o traballo de Samsung con este produto é extraordinario, coidando e actualizando até o último detalle pero sen perder as liñas de identidade que caracterizou a liña Galaxy S desde o primeiro modelo, aló no 2010.

galaxy s evolucion

Está claro que o que máis chama a atención é a pantalla curvada cara os lados, que preside tanto a frontal como parte dos laterais. Na parte frontal inferior sitúase o clásico botón de inicio de Samsung, que resulta ser tamén un lector de pegadas dixitais. Non é a primeira vez que o fabricante surcoreano sitúa nel este elemento, mais trátase dunha evolución que permite a lectura cun toque e non tendo que arrastrar o dedo (como acontecido no Galaxy S5), o que axiliza a autenticación das usuarias. Na parte superior dereita temos a cámara dianteira, e ao lado desta o altofalante e os habituais sensores de proximidade.

samsung galaxy s6 edge

En todo o borde perimetral do teléfono o metal é o material protagonista. Na parte esquerda sitúanse os botóns de control de volume, e na dereita o de acendido. Son as ubicacións máis cómodas para empregar o teléfono cunha soa man, pero supoñen un verdadeiro esforzo de deseño para conseguir que convivan nesas zonas xunto á parte curva da pantalla que Samsung soubo resolver moi ben. O borde superior ten o sensor de infravermellos e a bandexa extraíbel para a tarxeta nanoSIM, mentres que na parte de abaixo sitúase o jack 3.5 de audio, o microUSB e o altofalante principal.

samsung galaxy s6 edge 2

Na parte de atrás o metal deixa paso ao cristal, protexido con Gorilla Glass. A gran protagonista desta zona é a cámara, que sobresae do desñeo xeral e está acompañada dun flash LED. As letras de Samsung presiden a parte central da capa traseira do dispositivo.

O deseño é en suma moi ergonómico, resultando especialmente cómodo para suxeitar cunha soa man e poder acceder a todos os recunchos da pantalla con ela. O tacto que se consegue coa combinación de cristal e metal dálle a sensación premium que tanto se lle reclamou a Samsung nos últimos anos e consegue ao mesmo tempo que non se produza a sensación de quecemento habitual cando empregamos os dispositivos durante un tempo prolongado.

Pantalla

Como diciamos anteriormente, a pantalla é a grande protagonista deste modelo e non deixa indiferente a ninguén: á xente chámalle a atención polo vistosa e orixinal que resulta, un interese que medra cando descubren as posibilidades que ten a maiores sobre o modelo flat.

Falando da parte máis técnica, estamos ante un panel QHD Super AMOLED de 5,1 polgadas cunha resolución 1440 x 2540 píxeles que ocupa o 72% do frontal do terminal, polo que xa vedes que é bastante compacto. A calidade do panel é fantástica e o visionado é perfecto en todo tipo de situacións, incluso en exteriores, onde Samsung tendía a abusar dos saturados para contrarrestar o efecto do sol.

A curvatura permítenos ter unha sensación de profundidade (falemos claro, de 3D) cando reproducimos vídeos, vemos fotografías ou empregamos videoxogos, o cal permite ás usuarias somerxerse nos contidos multimedia dun xeito moito máis agradábel.

modos pantalla s6

Outro aspecto que xa tiñamos visto noutros Galaxy é a opción de elixir o perfil de cor de pantalla. Samsung ofrécenos 4 posibilidades que varían diferentes parámetros, como o contraste ou a temperatura de color para disfrutar mellor dun ou doutro contido.

Os primeiros días resulta un tanto raro empregar o teclado nos caracteres que quedan máis preto dos bordes, pois dá a sensación de que se está a traballar cun dispositivo sen marcos e resulta un tanto curioso. Pero o uso constante fai que esa sensación rara desapareza axiña e cause, precisamente, o efecto contrario ao coller un terminal con marcos arredor da pantalla.

Sistema operativo

O Galaxy S6 vén con Android 5.0.2 (Lollipop), aínda que con TouchWiz, a capa de personalización da compañía, moi evolucionada e mellorada nos últimos tempos.

touchwiz s6

O novo TouchWiz resulta moito máis lixeiro e está máis optimizado para sacarlle todo o partido a un terminal coa potencia do S6. Atrás quedaron os molestos lags que tiña algún que outro trebello Samsung ao acceder á galería de imaxes ou cando se lle exixía demasiado: son cousa do pasado.

Pero os cambios en TouchWiz non só teñen que ver coa optimización, senón que tamén afectan á estética, con cambios nas iconas, distribución de menús, barra de notificacións e aplicacións propias. Non é que perdan de todo a esencia de TouchWiz, pois son claramente identificábeis, mais si que resultan moito máis fermosos.

Afondando un pouco máis na barra de notificacións podemos comentar que temos unha chea de opcións para personalizar, decidindo que botóns de acceso rápido queremos ter máis a man. Así mesmo tamén accedemos desde ela a S Finder e Quick Connect.

Outro aspecto relacionado coa parte de software son os temas, que Samsung incorpora nesta versión de TouchWiz. Basicamente son personalizacións que inclúen cambios nas iconas, fondos e transicións, que se poden descargar desde a tenda de aplicacións de Samsung. Hainos para todos os gustos e baseados en todas as cores, polo que non debera ser complicado atopar un que se adapte aos gustos de cada quen.

Específico para versión Edge, temos unha serie de paneis que podemos configurar e nos permiten ter información na barra lateral que queiramos (esquerda ou dereita, para destros e zurdos respectivamente). Aínda que o tema está aberto a desenvolvedores para fagan barras específicas, até o de agora non hai gran cousa, máis aló dos trending topics de Twitter, as notificacións, ou resultados de bolsa, entre outros. O que si que nos gustou moito foi o People Edge, que basicamente permite seleccionar até 5 contactos rápidos aos que accedemos desprazando a pantalla lateral. Cada un deles terá asignada unha cor, e as notificacións destes serán diferentes.

s6 people edge

No S6 redúcese por fin o software preinstalado por Samsung, o cal é unha grandísima evolución, pero o mellor de todo é que o que hai pode ser desinstalado, así que non teremos accesos a aplicacións que non empregaremos xamais. Ademais da obvia suite de aplicacións de Google, o Galaxy S6 trae un cartafol de aplicacións de Microsoft, con quen ten un acordo de colaboración: OneDrive (con espazo de balde extra), Skype e One Note.

Cámara

A cámara é un dos elementos que, xunto á pantall,a destacan sobre os demais neste trebello. É de 16 megapíxeles cunha apertura de f/1.9, e con ela podemos realizar fotografías de gran calidade e nitidez en todo tipo de ambientes e situacións.

samsung galaxy s6 edge camara

Tamén destaca especialmente a velocidade de activación, así como a de enfoque e disparo, polo que sempre está dispoñíbel para ser activada e realizar, por exemplo, unha ráfaga. A isto hai que sumar un detalle que nos pareceu marabilloso: a posibilidade de activación – case inmediata – con dúas pulsacións sobre o botón inicio, mesmo en estado de bloqueo.

As cores das imaxes conseguidas son tremendamente fieis á realidade, un punto que foi mellorando nestes anos de evolución da familia Galaxy S a pasos axigantados.

A cámara frontal sube aos 5 megapíxeles, unha actualización necesaria se temos en conta o interese que están a ter as selfies ultimamente. A mellora nos resultados é máis ca evidente e, malia non ter nada que ver coa cámara principal, as fotografías son nítidas e permiten ampliacións sen perder calidade.

A aplicación de cámara trae precargados unha serie de modos fotográficos que alteran os valores da cámara para conseguir mellores resultados según o que queiramos fotografar. Con todo, tal e como vén facendo nos últimos tempos Samsung, podemos descargar novos modos desde a tenda de aplicacións do fabricante, co que as posibilidades para sacarlle todo o partido á cámara se multiplican.

Na nosa páxina de Flickr podes ver unha selección de imaxes tomadas co terminal en diferentes situacións.

galeria s6

Batería

A batería que incorpora o dispositivo, interna e non extraíbel, é de 2600 mAh, algo por debaixo dos 3000 mAh que empezan a ser referencia mínima habitual na gama alta. Segundo Samsung esta capacidade, unida ao seu procesador Exynos, resulta máis ca abonda para as tendencias habituais da xente (léase, para durar día e medio).

Na práctica o Galaxy S6 Edge deféndese bastante ben en canto a autonomía, rematando o día sen problema para un uso mixto, pero non perdoa a carga nocturna para comezar o día seguinte. Neste sensoconsideramos que o S6 está un paso por detrás da competencia e que tería sentido aumentar un pouco a capacidade para que as usuarias estiveran máis cómodas.

Con todo, a autonomía non parece ser moito problema se empregamos o cargador orixinal, xa que con tan só 10 minutos de carga conseguimos aumentar 4 horas de autonomía, e a carga completa realízase en menos de hora e media. Ademais ten un modo de aforro de enerxía básico que aumenta o tempo de autonomía nuns minutos e o modo ultraaforro, que cambia a pantalla a branco e negro e corta case todas as comunicacións a cambio de ofrecernos o dobre de horas de vida extra.

Para aquelas persoas que non gusten dos cabos, tamén hai boas novas, xa que Samsung implementou os dous estándares e carga sen fíos: WPC e PMA. Estas tecnoloxías son cada vez máis habituais non só como cargadores accesorios (de feito hai un accesorio orixinal), senón tamén nas mesas de restaurantes decomida rápida ou nos novos mobles de IKEA

Conclusións

O Samsung Galaxy S6 Edge é o mellor teléfono que fixo Samsung até a data, e con toda certeza un dos mellores dispositivos móbiles do mercado (de calquera sistema operativo) que podemos mercar a día de hoxe.

Unha potencia e rendemento que nos ofrecen unha experiencia de usuario e xogabilidade agradable, un deseño fermoso e hergonómico, unha pantalla que se ve de luxo e unha cámara que funciona ás mil marabillas. A única pega poderíamos poñerlla á autonomía, xa que na nosa opinión a tendencia debera ser a chegarmos ás 2 xornadas de traballo, co que Samsung tería pegado o golpe definitivo.

O Galaxy S6 Edge parte dos 849 € (32 GB), un prezo que pode asustar a moitas pero que non é caro se o comparamos coa competencia. Pode que baixe sensibelmente nos próximos meses, pero que ninguén agarde velo por baixo dos 600 euros no que queda de ano.

S6 flat ou S6 Edge? Realmente é unha cuestión de gustos elixir un ou outro. Na nosa opinión a versión Edge está destinada ás persoas que se preocupan por un deseño mellor no seu dispositivo e que queren disfrutar dos contidos multimedia e xogos no móbil, porque a experiencia cambia bastante para mellor. Pero repetimos, cuestión de gustos.

Samsung ponllo moi difícil á competencia con este dúo S6 / S6 Edge do que espera vender uns 70 millóns de unidades, polo que teremos que agardar a ver con que nos sorprenden o resto de fabricantes para estar a este nível. A primeira que terá a oportunidade de demostralo será LG co LG G4 que presenta en 10 días.

Que vos parece a vós?

One Response

  1. Álvaro M. Souto 17 Abril, 2015 Responder

Deixa un Comentario