Project Fi: Google anuncia a súa operadora móbil

Google vén de anunciar o varias veces negado (e tantas outras rumoreado) operador de telefonía móbil co que aspira a mudar as comunicacións tal e como as coñecemos, do mesmo xeito que no seu día fixo con Google Fiber. O novo servizo da compañía estadounidense ten como principais puntos fortes o concepto de tarifa plana, multidispositivo e boa cobertura.

google fi_

Tanto as chamadas nacionais de voz coma os sms (nacionais e internacionais) serán totalmente gratuítos dentro dos Fi Basics (20 dólares) un camiño que están a seguir (máis ou menos rápido) a meirande parte das operadoras, conscientes de que realmente o que interesa á meirande parte das usuarias son os datos.

Falemos pois dos datos. Google propón que os datos que non consuma o cliente no período de facturación sexan devoltos en saldo a descontar na seguinte factura ou ben engadirse á carteira virtual Google Wallet. Trasladado isto ás tarifas que se comercializan no Estado español, se por exemplo temos contratado 1 GB e consumimos 600 MB devolveríasenos o equivalente en cartos dos 400 MB non consumidos, algo semellante ao que fai Lowi, o operador low cost de Vodafone, aínda que neste caso acumúlanse os megas, non os euros.

Os prezos de Fi son de 10 dólares/GB. Iso si, podénse usar tanto nos Estados Unidos como en roaming en máis de 120 países (neste caso, a 256 Kbps), polo que a oferta non está nada mal. Se nos pasamos do GB, non baixa a velocidade, seguiremos navegando e pagando a parte proporcional de 10 dólares / GB (ou o que é o mesmo, 1 cent/MB).

Doutra banda, establécese o concepto multidispositivo grazas a usar o concepto de número na nube, polo que as clientas terán unha única tarifa para todos os seus trebellos, algo que no noso país ofrecen moitas operadoras co concepto multiSIM. Do mesmo xeito, cando nos chamen ou manden unha mensaxe de texto poderemos contestar desde calquera trebello.

google fi nube

A cobertura é, como diciamos ao comezo, un dos puntos fortes da nova operadora de Google. Por iso as usuarias disfrutarán sempre da mellor rede dispoñíbel, xa sexa WiFi ou 4G-LTE. Neste senso, a OMV emprega dúas operadoras a un tempo, Sprint e T-Mobile, elixindo rede que mellor conveña segundo a ubicación ou algún dos máis dun millón de puntos WiFis verificados. Ademais pódese comezar unha chamada sobre WiFi e rematar en 4G ou viceversa sen que se corte.

Como adoita ocorrer con estas novidades de Google, nun primeiro momento só estará dispoñíbel nos Estados Unidos e para os usuarios de Nexus 6, pero pode que sexa cuestión de tempo que dean o salto a Europa. Contrataríades un servizo coma este?

Máis información: Fi.

Sobre o autor

3 Comments

  1. Álvaro M. Souto 22 Abril, 2015 Responder
  2. Rubenix 23 Abril, 2015 Responder
  3. Nemigo 24 Abril, 2015 Responder

Reply