Analizamos o Samsung Galaxy A5

Nos últimos anos a estratexia comercial de Samsung caracterizouse por lanzar ao mercado un amplísimo número de trebellos de todas as formas e gustos. Isto podería ter sentido pensando en inundar de opcións e formas adaptadas a todos os gustos e usuarias, mais tamén xeraba confusións ante tanta escolla.

samsung galaxy a5

Pero iso xa é pasado, e nos últimos meses están a centrarse nuns poucos produtos, moito máis coidados e con aspectos diferenciadores. Entre eles está o Galaxy A5, un gama media pensado para un público mozo e dinámico, mais que polo seu deseño e comportamento podería pasar por un gama alta da xeración anterior.

Deseño, acabado e conexións

O Galaxy A5 supón, xunto aos outros trebellos da gama Galaxy A, unha evolución de deseño e acabados. Déixase de lado – por fin – o plástico e apostan por aluminio, un material que consegue unha sensación moito máis premium.

As formas rectas coas esquinas lixeiramente redondeadas fan que sente moi cómodo na man, aínda que a isto tamén inflúe o perfil do dispositivo, xa que ten tan só 6,7 mm de grosor.

samsung galaxy a5 - 3

Na parte frontal temos a pantalla, e sobre ela o altofalante principal e os sensores, xunto a cámara dianteira. Na parte inferior está o habitual botón central de Samsung e a ambos lados deste, capacitivos e situados fóra da pantalla, os de atrás e multitarefa. No lateral esquerdo atopamos os botóns de control de volume e do outro lado o de acendido, xunto ás bandexas extraíbeis das tarxetas nanoSIM e microSD. Na parte de abaixo temos o microUSB e o jack 3.5 de audio.

samsung galaxy a5 - 2

Pasando á parte de atrás, a cámara fica no medio do dispositivo, co flash á esquerda e un altofalante secundario á dereita. A integración deste pareceunos un pouco forzada, porque rompe coa estética xeral do dispositivo, pero o certo é que non o afea.

Pantalla

A pantalla é un panel SuperAMOLED HD (1280 x 720 píxeles), o que nos dá unha resolución de 294 ppp. Achega unha boa visión dos contidos, malia estar por baixo dos 500 que xa estamos a ver nos paneis que integran os gama alta actuais.

Destaca especialmente pola viveza das súas cores e a claridade, ademais de contar cun amplo ángulo de visión. De xeito nativo integra o que chaman ‘Adaptive Display’, un sistema que axusta automaticamente a nitidez, definición e saturación nalgunhas aplicacións para disfrutar de xeito óptimo do seu contido.

Sistema operativo

Vén con Android 4.4.4 KitKat, sorbe o cal implementaron a capa TouchWiz, personalizando Android coa estética habitual de Samsung. Como novidades atopamos os temas e funcionalidades que até o de agora estaban restrinxidos a outras gamas, como a multiventá, que nos permite disfrutar de dúas aplicacións a un tempo, aínda que non todas son compatíbeis.

As persoas máis puristas botarán de menos que os botóns de inicio e atrás non sexan tipo software e estén integrados na pantalla, xa que en certa maneira supón un pequeno atraso o feito de que sexan físicos, aínda que isto é cuestión de acostumarse.

Cámara

A cámara principal ten un sensor de 13 megapíxeles, con flash LED, cuxas imaxes son de boa calidade e con cores naturais en practicamente calquera situación. É moi rápida no enfoque e permite diversos modos para ampliar as posibilidades, podendo descargar máis desde a tenda de aplicacións de Samsung.

A cámara frontal é de 5 megapíxeles, neste caso sen flash, e dispón de diferentes modos que nos permitirán sacar mellores selfies, incluíndo un de selfies panorámicos.

No noso perfil de Flickr podedes ver unhas cantas imaxes tomadas con este dispositivo.

galeria galaxy a5

Batería

A batería é interna e non intercambiábel; ten unha capacidade de 2300 mAh, que traducido a horas de uso real equivale a algo máis dun día, aínda que se temos pensado andar fóra da casa o mellor é que pase polo cargador á noite.

Integra un modo aforro de enerxía grazas ao cal podemos aumentar as horas de vida a cambio de perder conectividade de datos e transforma a pantalla a escala de grises.

Conclusións

As especificacións do Galaxy A5 complétanse cun procesador Qualcomm Snapdragon 410 a 1,2 GHz, con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de aaté 64 GB. Ten capacidades 4G.

A experiencia de uso é moi boa, funciona con total fluídez e móvese rapidamente e sen atrasos, satisfacendo con creces o que pode agardar un usuario medio.

O Galaxy A5 é o terminal que moitas estabamos esperando de Samsung como opción intermedia por baixo da saga Galaxy S. Podémolo mercar en diferentes establecementos, a partir de 340 euros.

Deixa un Comentario