LG anuncia o agardado LG G4

lg g4 02

Tras coñecermos o revolucionario Samsung Galaxy S6 e S6 Edge, había moitas ganas de descubrir o novo terminal de referencia de LG, unha das compañías que máis ten innovado nos últimos anos e que desde o LG G2 soubo sorprender e meter no peto ás usuarias con dispositivos de coidados deseños, grandes prestacións e bos prezos.

lg g4 07

O LG G4 é sen dúbidas un dos dispositivos máis agardados do ano, e vén de ser presentado nun evento que se celebrou simultaneamente en varias localizacións, entre elas Londres, onde nos desprazamos para poder seguir en vivo o evento.

Especificacións

Como era de agardar, o LG G4 inclúe entre as súas especificacións compoñentes actualizados, comezando polo seu procesador, un Qualcomm Snapdragon 808, de seis núcleos, 64 bits e 1,8 GHz. Vén con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas de microSD de até 128 GB de capacidade. A batería é de 3000 mAh extraíbel.

lg g4 08

A pantalla é un panel de 5,5 polgadas, con resolución QuadHD de 2560 x 1440 píxeles (isto é 538 ppp), que ademais ten un pequeno radio de curvatura, non tan exaxerado como o de G Flex 2. Malia ter unha densidade de píxeles idéntica á do seu predecesor, resulta un 25% máis brillante e ten un consumo moi inferior, algo que é de agradecer, xa que no G3 supuña un enorme gasto de batería. Está protexida contra pequenos golpes e rabuñadas por Gorilla Glass 4 e fabricada coa técnica Advanced In-Cell Touch, que coloca o panel e o sensor táctil nun único módulo par ter máis sensibilidade e ser máis precisa.

Cámara

lg g4 03

Mención á parte merece a cámara, unha das características que, xunto co deseño, máis están a atender os distintos fabricantes. LG dá co G4 un importante salto cualitativo, integrando na cámara principal un sensor de 16 megapíxeles cunha apertura f/1.8 que permite recibir até un 80% máis de luz, o enfoque máis rápido do mercado (0.276 s) segundo afirma LG, ademáis dun estabilizador de imaxe de segunda xeneración, OIS 2.0.

A aplicación da cámara incorpora un sensor de espectros que recoñece automaticamente os ambientes interiores e exteriores así coma as cores e os obxectos para ofrecer unha precisión de cor superior.  Conta cun modo manual flexíbel (ademáis do modo sinxelo e do automático) que permite axustar a velocidade de obturación e o balance de brancos para que as usuarias máis avanzas poidan sacar todo o partido a este módulo, cada vez máis valorado. Ademáis as fotos poderán ser en formato raw.

lg g4 06Para a cámara frontal escolleron un sensor de 8 megapíxeles con f/2.0, tamén moi digno de mención e superior ao que a competencia máis directa, Samsung, implementou no seu Galaxy S6. Por suposto manteñen un sistema de activación por xestos para sacar mellores selfies, ademais dun modo que permite tomar catro instantáneas espaciadas no tempo para que poidamos practicar xestos e quedar coa nosa mellor versión 😉

Diversos acabados para a capa traseira e un deseño continuísta

lg g4 05

Outro aspecto diferencial do novo LG G4 é o dos acabados, con diversas opcións de capa traseira que nos permiten ter un dispositivo moito máis pesonalizado que cando nos ofrecen simplemente a escolla branco ou negro. Sen dúbida as tapas que máis chaman a atención son as realizadas en coiro, dispoñíbeis en diferentes cores, que se realizan cunha técnica que precisa un total de 12 semanas para estar preparada, fronte os apenas 4 días de fabricación dunha tapa estándar.

O deseño mantén a tendencia dos predecesores, con escasos marcos que permiten disfrutar de máis pantalla nun tamaño contido e os botóns na parte traseira para termos biseis máis finos nos bordes.

Novo software UX 4.0

Sobre Android 5.1 Lollipop, LG implementa unha nova versión da súa capa de personalización, LG UX 4.0, máis lixeira, con novas funcionalidades en ferramentas coñecidas (como Quickmemo, Smart Bulletin ou Smart Notice) e opcións novidosas, como por exemplo as que teñen que ver coa activación e disparo da cámara cun dobre toque no botón de baixar volume. Tamén cómpre destacar a mellora na organización das imaxes na galería e Mirror Link, para conectar o teléfono co coche.

O G4 gasta un 11% menos de batería e envía notificacións para pechar por completo esas aplicacións que chuchan batería.

Dispoñibilidade

Sairá á venda a finais de maio a un prezo aínda descoñecido.

No Responses

Deixa un Comentario