Pepephone paraliza a migracion a Movistar porque esta non está a ofrecer a mesma calidade que aos clientes propios

 

pepephone

[Actualización 09/06/2015] Pepephone vén de reanudar a migración dos seus clientes á rede de Movistar tras comprobar que os problemas de velocidade da rede 4G xa están solucionados. Ademais, para paliar os efectos das molestias aos seus clientes, destinará preto de 1,5 millóns de euros a indemnizar aos que xa foran migrados á rede de Movistar (uns 250.000 dos 480.000 usuarios totais da compañía). Isto equivale a devolver o 25% da factura total (chamadas, datos, roaming…) durante os meses que cada quen leve usando a nova SIM de Pepephone coa rede de Movistar, e supón unha das maiores indemnizacións feita nunca por unha teleco en España. Ah! E de forma voluntaria, que aínda ten máis mérito.

Como xa sabedes, Pepephone está a migrar os seus clientes desde a rede de Vodafone á de Movistar para poder ofrecer servizos 4G aos seus clientes, aínda que o proceso está a carrexarlles máis quebradeiros de cabeza dos que quixeran.

No último capítulo desta historia, Pepephone vén de paralizar a migración de clientes á rede de Movistar tras detectar que a compañía de César Alierta está a ofrecer un servizo de peor calidade aos usuarios de Pepephone que aos propios, o que supón un grave incumprimento das condicións contractuais.

Os feitos iniciáronse cando algunhas usuarias de Pepephone informaron á operadora de que usando un mesmo terminal e estando no mesmo sitio tiñan peores velocidades de descarga ca se usaban unha SIM de Movistar. Pepephone fixo probas propias coas que puideron comprobar que efectivamente era certo, polo que decidiron paralizar o proceso até que Movistar elimine esas diferenzas.

O movemento de Pepephone é digno de mención, pois malia ser unha operadora pequena demostra unha vez máis que non se dobrega ante os abusos das operadoras con rede: non calou cando Vodafone lle negou acceso ao 4G nin cala agora que Movistar non cumpre co contratado. Desde logo, un espello no que moitas operadoras deberan mirarse.

Sobre o autor

No Responses

Reply