Masmóvil terá 4G tras denunciar a Orange ante a CNMC por non ofrecerllo

masmovil

Desde que no Estado español as operadoras con rede comezaron a despregar as súas redes 4G, este foi un tema controvertido, xa que na meirande parte dos casos optaron por negar o acceso a estas novas velocidades aos operadores virtuais.

O comportamento dos OMV foi bastante dispar, aínda que se hai un referente é Pepephone, que farto das negativas de Vodafone para ofrecerlles 4G decidiu mudar aos seus clientes de rede, e na actualidade se atopa no medio dese tránsito cara Movistar, aínda que con algún problema, como vimos onte. Outro exemplo é a cableira Telecable, tamén con rede Vodafone, que está a traballar para mudar os seus clientes á rede de Yoigo e pór en marcha a súa rede propia.

Das OMV que usan a rede de Orange, Jazztel xa disfruta do servizo e outras decidiron denunciar ao operador con rede ante á CNMC por incumprimento de contrato. Entre elas está MásMóvil, que acaba de recibir boas novas, xa que o regulador vén de pronunciarse obrigando a Orange a dar acceso ao 4G e pondo un prazo de 10 días para facerlle unha oferta maiorísta completa.

O caso de R

Que pasa con R? É a pregunta do millón. A operadora galega está nese grupo pequeno de operadores móbiles virtuais que usan (ou usaban) a rede de Vodafone, e das poucas que manteñen baixo segredo os seus plans. Publicamente só anuncian que terán 4G, sen precisar cando nin se teñen denunciado a Vodafone ante a CNMC, como Masmóvil denunciou a Orange, ou se prevén facer un cambio de rede, como o que propón a veciña Telecable ou está a facer Pepephone.

R dispón dun pequeno rango de frecuencias para despregar rede propia, aínda que son as menos óptimas para un territorio como o galego. En calquera caso, entendemos que a operadora líder do país non pode ficar á marxe nin en silencio ante os movementos que se están a producir con este tema.

Sobre o autor

One Response

  1. Álvaro M. Souto 5 Maio, 2015 Responder

Reply