Google ‘Now on tap’, a información precisa no momento axeitado

En Mallando no Android somos fans de Google Now por todas as posibilidades que ofrece e a xenial integración entre ferramentas que empregamos a diario, até o punto de servirnos de organizador persoal e asistente.

O Google I/O deste ano, ademais de deixarnos novidades como a preview de Android M, Android Pay ou Google Photos, tamén serviu para amosar o que poderemos agardar de Google Now na próxima versión de Android. E é que Google quere anticiparse (aínda máis) ao noso pensamento e ofrecernos ao momento o que buscamos, co que chaman Google “Now on tap”.

now on tap

Now on tap pretende responder a consultas rápidas con tan só manter pulsado o botón Home, sen importar se estamos dentro dunha app ou na pantalla principal. Mais se cadra, o máis relevante é que será capaz de ofrecer información baseándose no contexto (por exemplo, dicirnos quen é o autor dunha canción que esteamos escoitando se lle preguntamos) ou abrir as aplicacións correspondentes aos resultados, unha funcionalidade moi demandada polas usuarias.

now on tap 2

Todas as novidades do novo Google Now chegarán con Android M durante o terceiro trimestre do ano, así que xa vai faltando menos 🙂

Deixa un Comentario