Analizamos o LG G4

Á hora de falar da serie G de LG a cabeza váisenos ao LG G2, un terminal que, no seu momento, foi o dispositivo perfecto. Supuxo toda unha revolución de deseño, calidade e prestacións; tanto é así, que a día de hoxe, coa baixada de prezos dos gama alta por mor da saída de novos modelos, o LG G2 segue a ser unha grandísima alternativa para quen busque un gran teléfono por algo máis de 200 euros.

LG G4-3

Pero toda serie ten unha evolución e xa imos polo LG G4, o dispositivo do que vos queremos falar hxoe tras unhas semanas de probas. Entre o G2 e o G4 tivemos un G3 que pasou sen pena nin gloria, pois malia ser resultón e ter unha pantalla amada por moitos e odiada por outros tantos, non estivo á altura das espectativas. Estáo o G4? Convidámoste a que o descubras nesta análise.

Deseño, acabado e conexións

O LG G4 é un dispositivo que, pola súa forma, xa se identifica como un dispositivo LG. Segue a liña da marca nos últimso anos, con ausencia de botóns frontais e laterais para situalos na parte traseira, o que facilita ter uns bordes máis finos resultando un terminal compacto e cun mellor agarre.

Na parte frontal atopamos, ademais da pantalla, a cámara frontal, o altofalante e os sensores de proximidade. Detrás temos os xa nomeados botóns, ademais da cámara co seu flash led e láser que facilita o autoenfoque. Tanto o jack de 3.5 como o microUSB sitúanse na parte inferior do dispositivo.

LG G4-1

A tapa traseira é desmontábel, e tras ela agóchase unha batería extraíbel e o lugar para introducir a microSIM e a microSD se queremos ou precisamos aumentar memoria.

Pero sexamos claros: o máis innovador do terminal está nos acabados, cunha forte aposta por novos materiais. Durante a súa presentación en Londres puidemos ver que, ademais do plástico, temos a opción de collelo en coiro ou cerámica, aínda que a aposta da marca (a lo menos no noso país) é polo coiro. Este material achega un nível de calidade superior, pois resulta elegante, inmune ás temperaturas que pode acadar o dispositivo se se chegase a quentar, e de protección, pois en certa medida xa fai de funda. Unha aposta diferente e ao noso entender, acertada.

Pantalla

A pantalla foi un dos puntos fortes do seu predecesor, o G3, ao apostar por un panel quadHD. O LG G4 repite incorporando un panel de 5,5 pogladas con resolución 1440 x 2560 píxeles, que dan unha densidade de 538 ppp. Ademais vén con protección Corning Gorilla Glass 3 para protexela de pequenos croques e rabuñadas.

A verdade é que o panel funciona moi ben e os contidos reprodúcense cun nível de detalle asombroso en practicamente todo tipo de condicións. En exteriores, cando o sol pega forte e directamente sobre a pantalla, o efecto do brillo tende a branquear un chisco as imaxes, polo que perden algo de realismo, aínda que non se perden os detalles e permite usarse con normalidade.

Como curiosidade final sobre a pantalla, esta ten unha pequena curvatura, moito menos pronunciada ca a do LG G Flex 2, pero que aínda así chega para apreciar a súa inclusión cando empregamos o teléfono en horizontal. Por se vos pica a curiosidade, non, esta non é flexíbel 😉

Sistema operativo

O LG G4 vén con Android 5.1 – Lollipop de fábrica, pero ademais trae unha capa de personalización, UX 4.0. Nos últimos anos a compañía tendeu a invadir menos na estética, cun resultado que se parece máis á versión Android stock. Isto non saca que as iconas sexan totalmente diferentes e que teñamos aplicacións, menús e funcionalidades personalizadas.

UX 4.0 dálle un pequeno lavado a case todo, pero onde o notamos é nas aplicacións básicas que veñen instaladas, como a alarma, calculadora ou Quickmemo, a aplicación de notas que tamén serve para enriquecer as nosas capturas de pantalla. Conserva algunhas funcións que fomos vendo ultimamente nos dispositivos de LG, como o Knock Code para crear patróns de desbloqueo a base de toques na pantalla ou a posibilidade de dividila en dous para termos abertas dúas aplicacións ao mesmo tempo.

Todo está optimizado en canto a software, o que fai que vaia fluído e quedemos con moi boas sensacións ao podermos disfrutar dun teléfono potente como deberíamos

Cámara

Se por algo destaca o LG G4 é pola súa cámara. LG quixo que este fose un terminal referente na fotografía, conscicentes de que as usuarias cada vez exiximos máis neste aspecto e que a competencia está sendo dura na gama alta con terminais referentes neste sentido: Galaxy S6, iPhone 6, …

LG G4-2

A cámara principal do LG G4 é de 16 megapíxeles cunha apertura de f/1.8 e láser autofocus; en canto a vídeo, é capaz de gravar en calidade até 2K @ 30 fps. Para sacarlle partido, a aplicación de cámara foi redeseñada, dotándose de 3 modos: simple (sen opcións), básico (con opcións habituais) e manual. Este último é a gran diferenza con calquera outro teléfono do mercado, pois se trata dun modo no que podemos variar todos os axustes da cámara.

Calquera persoa cun mínimo de coñecemento de fotografía disfrutará moito deste modo, pois permite mellorar as imaxes sobre as que se terían conseguido no modo automático axustando parámetro a parámetro. E quen non saiba moito de fotografía queda con ganas de aprender como afecta cada un dos elementos que se poden axustar para ser quen de ter uns resultados superlativos.

Tamén é digna de mención a cámara frontal, de 8 megapíxeles, coa que se consiguen selfies de gran calidade e que podemos disparar con algunha que outra palabra chave. Con todo, a cámara principal pode activarse rapidamente premendo dúas veces o botón de baixar volume, que estando situado na parte traseira permite empregala para sacar selfies aínda mellores.

Deixámosvos ligazón ao noso perfil de Flickr, onde podedes acceder a unha galería de imaxes tomadas con este teléfono.

lg g4 album

Batería

A batería que daba dous días de autonomía a pleno rendemento foi unha das características que máis nos gustaron do LG G2. Porén, o LG G3 foi todo o contrario, e case había que dar grazas se chegabas á noite con el aceso tras un día de uso intenso.

O LG G4 integra unha batería de 3000 mAh, intercambiábel e que admite carga rápida, aínda que o cargador que vén na caixa non o admite. Con todo, probamos empregando o do Galaxy S6 e certamente podemos superar a metade da carga en media hora aproximadamente.

Tras 2 semanas de uso podemos dicir que o teléfono non destaca precisamente pola súa batería. Consigue acabar o día, pero de ningunha maneira non pasar polo cargador á noite. En horas de pantalla estamos a falar de aproximadamente unhas catro horas ou catro e media no mellor dos casos.

Conclusións

O LG G4 é un terminal que, malia poder ter sido mellor en pequenos aspectos, como no da batería, resulta ser unha aposta segura. É sen dúbidas un dos gama alta que competirá neste 2015 polo posto de mellor terminal do ano, xunto ao Samsung Galaxy S6 e algún que outro que poida ser presentado no segundo semestre.

A pantalla e, sobre todo, a súa cámara, son os puntos fortes deste dispositivo compensado en especificacións e cun deseño e acabados novidosos e diferenciais, como un paso máis na innovación que LG leva practicando nos últimos anos.

O LG G4 pódese mercar por 649 € con acabado plástico ou 699 € en coiro, 50 € que pensamos pagan a pena ser gastados. Ademais, está nos catálogos dos principais operadores de telefonía móbil, o que pode facer que nos saia algo máis barato:

  • Movistar: 399 € (16,62 €/mes x 24 meses)
  • Vodafone: 432 € (18 €/mes x 24 meses)
  • Orange: 433 € (49 € + 16 €/mes x 24 meses)
  • Yoigo: 528€ (22 €/mes x 24 meses)
  • R: 528 € (22 €/mes x 24 meses)

Que vos parece?

One Response

  1. Rubenix 23 Xuño, 2015 Responder

Deixa un Comentario