wificlientesR: Todos os detalles da nova WiFi de R para navegar sen límites

En xaneiro de 2012 R anunciou o nacemento de wifi_clientes_R, unha rede sen fíos dispoñíbel para clientes que tivesen contratados servizos de banda larga fixa, de tal xeito que estes poderían conectarse cos seus trebellos á rede sen ter que pagar, aforrando tamén no plan de datos móbil contratado.

wificlientesR

Nun primeiro momento había 300 puntos repartidos por toda Galiza, mais co paso dos meses este número foi medrando e en maio deste 2015 chegouse aos 8.875. Porén, esta cifra resulta ridícula se a comparamos cos máis de 60.000 puntos de acceso previstos no novo wificlientesR, do que xa sabemos todas as características tras moitos meses de incógnitas e hype.

Os primeiros cambios á vista son o nome da rede (SSID), que pasa a ser wificlientesR (eliminando os “_” que separaban as palabras até o de agora) e o feito de ser unha rede privada no canto de aberta. Isto último aumenta a seguridade, pero sobre todo facilita o seu uso, xa que agora só teremos que autenticarnos unha única vez e xa quedará configurada a rede pera sempre, sen ter que andar pendentes de nomes de usuarios ou chaves de acceso.

wificlientesR app

Na aplicación móbil é tan sinxelo como premer no botón “configurar wificlientesR”, e xa quedará feito para sempre. Algúns modelos de terminal (os menos) non permiten este tipo de autenticación, mais a solución a esta conexión-configuración inicial e única pasará por configurar os parámetros manualmente, de xeito semellante ao que acontece con redes tipo eduroam. No caso dos portátiles e tablets, existen uns manuais que axudan a conectarnos, mais o procedemento é moi semellante e tamén será cousa de configuralo unha única vez.

Outra gran novidade é, precisamente, o gran número de novos puntos de acceso, polo que a partir de agora será moito máis doado termos preto algún se nos movemos nas áreas urbanas, chegando a converterse nalgunhas zonas e para usuarios con hábitos regulares nunha verdadeira alternativa ás redes móbiles. Para facelo posíbel empréganse puntos propios de R (por exemplo, nas cabinas), routers de usuarios desta rede colaborativa (aínda que mantendo sempre diferenciados os tráficos e o 100% da velocidade do cliente) e outros puntos de acceso.

Gratis e (case) sen límites

wificlientesR é un servizo totalmente gratuíto para as clientas de R que teñan un combo ou móbil, sendo acumulables. Por cada combo ou móbil terase unha conta que inclúe 20 GB a máxima velocidade, que despois se reducirán a 256 Kbps para evitar abusos, aínda que non se descarta que esta velocidade reducida poida aumentarse co paso do tempo. Así, se por exemplo temos un combo e 2 móbiles teremos 20+20+20 GB a máxima velocidade).

Cómpre sinalar que non hai limitación de usos nin portos capados, polo que estas redes poden ser empregadas para o que se queira. O que si, establécese un máximo de 5 usuarios conectados ao mesmo punto se se trata dun punto de cliente, aínda que no caso dos puntos públicos de R será bastante superior.

O despregamento do novo wificlientesR será gradual, comezando con 10.000 puntos iniciais até acadar os máis de 60.000 en poucas semanas, e será unha das principais apostas da compañía neste ano.

Que vos parece?

Sobre o autor

No Responses

Reply