Google e Blackberry: xuntas para facer Android máis seguro

blackberry android

Xa pasou bastante tempo desde que Google presentou Android for Work, que nos permite separar dentro dun mesmo terminal os datos persoais dos da empresa. Deste xeito, poderemos ter instaladas dúas veces algunhas aplicacións, para poder empregarmos unha de xeito persoal e outra máis profesional, separando en perfís.

Pola súa banda, é incuestionábel a traxectoria de BlackBerry, unha das empresas máis preocupadas pola seguridade nas comunicacións. Por iso, malia non pasar polos seus mellores tempos, manteñen o servizo BES (BlackBerry Enterprise Security), que aporta un nível importante de seguridade.

BES android for work

Pois ben, dende agora a seguridade en Android for Work dependerá da xente de Blackberry grazas á calidade dos seus servizos en aspectos como o cifrado punto a punto ou na seguridade na nube.

A asociación entre Google e BlackBerry é unha moi boa nova para ambas empresas e para as usuarias, sobre todo do sector empresarial. De feito, as empresas que queiran probar este servizo dispoñen dunha oferta de BES12 que lles permite probar gratuitamente como funciona durante 60 días (2 meses).

Deixa un Comentario