Ourense, a primeira cidade española con 4G de Vodafone na banda dos 800 MHz

vodafone 4g

O 4G ‘bo’ xa está aquí. Falamos do 4G na banda de 800 MHz, liberada tras o reaxuste da TDT que vivimos hai uns meses e que permite unha mellor cobertura en interiores e unha maior extensión xeográfica.

Vodafone elixiu a cidade de Ourense como a primeira do Estado para activar os servizos 4G nesta banda co acendido que se producirá o vindeiro 20 de xullo. A partir dese momento iranse acendendo outros nodos de maneira progresiva no resto de Galiza e do Estado.

Vodafone en Galiza

A escolla da cidade galega non é casual, pois Vodafone ten un “Pacto Tecnolóxico” coa Xunta para fomentar a inversión e convertir ao noso país nun polo de referencia tecnolóxica.

A compañía reforzou a cobertura 4G no noso país e conta xa con 145 municipios (máis do 75% da poboación), con especial fincapé nos concellos que reciben unha maior afluencia turística no verán e, concretamente, 75 praias. Nos próximos meses agardan superar o 80% da poboación galega cuberta.

Indo máis polo miúdo, a cobertura 4G de Vodafone en Galiza chega ao 100% das poboacións de máis de 25.000 habitantes, ao 85% entre 5.000 e 20.000 habitantes e ao 25% das que teñen menos de 5.000. Aseguran que tamén están a facer un esforzo no entorno rural, o cal podería servir para que fose unha alternativa ás conexións fixas aló onde sexa difícil chegar con fibra.

Os concellos de A Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Pontevedra, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, Marín, Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Ribeira e Ourense contan ademáis con LTE-A, o 4G avanzado que permite velocidades de 300 Mbps.

Sobre o autor

Reply