As Weon Glasses estarán á venda a finais de xullo en tendas físicas

weon 1

Tras o novo ritmo do programa Google Glass, as smartglasses pasaron un pouco a un segundo plano. Porén, son varias as empresas que están a traballar en dispositivos intelixentes para a nosa vista, e un dos proxectos que nos cadra máis preto é o de Weon Glasses.

As Weon Glasses son uns lentes intelixentes (tamén compatíbeis con montura para lentes graduados ou de sol) cunha liña estética moi coidada que se afasta do que vimos até o de agora neste eido tecnolóxico, aínda que tamén é certo que as súas función son máis limitadas ca as Glass.

weon 2

Entre as cousas que podemos facer con elas destacan as posibilidades como centro de notificacións e control remoto, de tal xeito que un LED situado na pata interior dereita servirá para indicarnos se temos algo pendente no móbil a través dunha combinación de 256 cores e frecuencias diferentes para personalizar segundo as apps. O control remoto aplícase a través de dous pequenos botóns, permitindo por exemplo mudar de canción, subir / baixar volumen ou gravar voz, entre outras.

Os lentes sincronízanse co móbil a través do Blutooth 4.0, habendo App de configuración tanto para Android como para iOS. A batería, recargábel por microUSB, permite unha autonomía de arredor dunha semana.

As Weon Glasses poderanse adquirir por 129 € desde finais de mes en tendas físicas de España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Estados Unidos e Canadá, aínda que están negociando a distribución noutros 83 países.

Deixa un Comentario