Probamos Amena en casa e o comparamos con outros servizos semellantes

router amena en casa

Por motivos laborais teño que pasar uns días a semana fóra da miña vivenda habitual, o que me levou a facer unha busca das diferentes opcións para dispór de acceso á Internet. Buscaba algo económico, sen importarme as chamadas, sen moita complicación de instalación, sen permanencias, e que me permitise conectar varios dispositivos á rede para non ter que depender de facer tethering agotando a miña tarifa de datos do móbil.

Existen diversas opción para termos Internet ADSL sen permanencia, a máis económica a que ofrece Pepephone. Porén, a tarifa reducida e atractiva deste operador (23,60 €/mes) agocha outros gastos que debemos ter en conta se a nosa estadía nun lugar vai ser máis ou menos curta: cobran a alta (42,35 € se vimos doutro operador, 90,75 € se é alta nova), a baixa (0 € se imos a outro, 18,25 € se é baixa), o servizo técnico e o router.

Unha opción alternativa ás conexión fixas de ADSL ou fibra son as que ofrecen os operadores móbiles con rede propia, aínda que Orange tamén ofrece un produto baixo a marca de ‘Amena’, o seu low cost. Precisamente é o servizo de Amena o que mellor se adaptaba ás miñas necesidades e traemos para a súa análise, aínda que para poñernos en situación antes tedes esta táboa comparativa das diferentes ofertas semellantes.

Comparativa das diferentes ofertas dispoñíbeis

Amena en casa 4G en casa Vodafone en tu casa Movistar Hogar 3G La Sinfín*
amena_taboa orange_taboa vodafone_taboa movistar_taboa yoigo_taboa
Dispoñibilidade Para todas Para todas Zonas de ADSL indirecto Zonas sen ADSL ou fibra Para todas
Tráfico incluído 100 GB navegación + 5 GB descargas 30 GB 50 GB Ilimitado 20 GB
Velocidade máx. 150 / 50 Mbps 150 / 50 Mbps 30 / 3 Mbps 10 Mbps / 256 Kbps 75 / 25 Mbps
Mobilidade Si Si Non Non Si
Telef. fixo Non Opcional (+12 €/mes) Ilimitadas a fixos Ilimitadas a fixos *Ilimitadas desde o móbil
Router 59 € (propiedade obrigatorio) 0 €/mes (alugueiro obrigatorio) 0 € (propiedade obrigatorio) 0 €/mes (alugueiro obrigatorio) 49 € (propiedade)
Permanencia Non 12 meses 12 meses Non Non
Prezo 29,90 €/mes
29.95 €/mes ou
21.95€ + Tucán, Delfín o Ballena
28 €/mes + Mini S ou 24 €/mes + Smart/Red 47,53 €/mes 29 €/mes
Info  Web Web Web Web

Amena en casa

O proceso de contratación de Amena en Casa é moi doado e pode facerse por Internet ou por teléfono. Así mesmo, podemos elixir mercar o router de vez (59 €) ou pagalo en cotas de 2,50 €/mes, así como se queremos recollelo na oficina de Correos máis próxima (+6 €) ou que nos chegue á casa por mensaxería (+9 €).

Co router xa na casa comeza o proceso de instalación, que non é máis ca introducir a tarxeta SIM provisionada no aparello e enchufar este á rede eléctrica. Con isto feito xa podemos conectarnos ao router co cable Ethernet, e entrar ao panel deste desde un navegador, no que podemos mudar o nome e contrasinal da WiFi, seleccionar se queremos que a SIM teña ou non PIN (carece de senso que o teña) e controlar o tráfico de datos consumidos e o número de dispositivos conectados.

amena en casa

Tras o primeiro ciclo de facturación completo (un mes), no que estiven usando o servizo do mesmo xeito que o fago na miña vivenda habitual (é dicir, con todos os trebellos conectados á WiFi da casa mentres estou nela) durante 5 días á semana, a miña experiencia resúmese nestes puntos.

  • Malia ter picos de velocidade superiores, o habitual que me chega por 4G son uns 35 / 12 Mbps.
  • Como a tarifa ten un límite de 5 GB de descarga e 100 de navegación, mudei o hábito de descargar as series por torrent a velas por streaming.
  • Sen cortarme de facer nada do que fago coa miña conexión habitual (sincronizado de Dropbox, tanto no portátil como a suba automática das fotos do móbil, actualización de aplicacións…) consumín uns 28 GB, polo que non houbo ningún problema.

Como anécdota, no primeiro día do segundo mes fixemos unha ‘proba extrema’ dun uso que moitas usuarias dan a YouTube: reprodutor musical. Durante unhas 12 horas estivemos reproducindo vídeos en HD, o que nos levou a consumir 6,5 GB de datos. Comentámolo porque cremos que é importante que o teñades en conta, aínda que non sexa un ‘uso normal’.

Por resumir, as vantaxes de Amena en casa son:

  • Poder levalo onde queiramos grazas ao “enchufar e listo”. Isto fai que sexa un servizo idóneo para xente que se move por traballo e precisa unha conexión para traballar.
  • Capacidade: 100 GB é unha cantidade de datos bastante aceptábel para os requerimentos actuáis.
  • 4G: ofrece unha velocidade xeitosa a través do 4G, e aló onde non chega esta cobertura funciona igualmente con 3G.

Pero tamén ten as súas desvantaxes:

  • Ter que mercar o router… de cada vez. Poñamos por caso que usamos o servizo 3 meses, dámolo de baixa e 2 meses despois precisamos dalo de alta de novo: teremos que mercar outro router, feito que nos parece absurdo (coidamos que sería mellor que cobrasen a SIM).
  • A diferenciación de tráfico de navegación e descarga: din que descarga é “calquera cousa que se garda no teu ordenador”, pero a que se refire? Un pdf que abres dunha web e xa podes gardar, é descarga? Non queda moi claro, aínda que tamén é certo que hoxe en día podemos facer case todo con tráfico de navegación, polo que non foi un problema.

Que hai das alternativas?

Como vimos na táboa, a opción de Orange é semellante en características técnicas, pero ten 70 GB menos de tráfico de navegación (aínda que os 30 incluídos valen para calquera cousa).

Pola súa banda, a tarifa de Yoigo está orientada a ser usada en teléfonos móbiles, polo que para poder usar as chamadas incluídas o mellor sería meter a tarxeta nun smartphone secundario e configúralo para tethering, aínda que esta solución non é comparábel en calidade á dun router ao uso.

A opción de Vodafone está bastante ben en canto a prezo e datos incluídos, pero ten a gran desvantaxe de obrigar ao uso nun enderezo concreto. Isto tamén ocorre coa oferta de Movistar, aínda que neste caso o produto ten datos ilimitados e só o poden contratar aquelas persoas que non reciban máis de 2 Mbps na súa casa.

Que vos parecen as diferentes opcións para ter internet móbil na casa?

Sobre o autor

No Responses

Reply