Moto X Play e Moto X Style, dúas versións do flagship de Motorola

Ademais do recén anunciado Moto G de terceira xeración, Motorola tamén anunciou hoxe dous modelos da serie flagship da compañía: Moto X Play e Moto X Style, que se ben non están á altura dos gamas altas deste ano, son uns gama media moi vitaminados.

Moto X Play

moto x play

O Moto X Play destaca especialmente pola súa batería de gran capacidade (3650 mAh), que asegura unha autonomía notoria e superior á inmensa maioría dos terminais que se comercializan na actualidade. Ademais, dispón de sistema de carga rápida que permite aumentar a vida do noso teléfono unhas 10 horas cunha carga de apenas 15 minutos.

Outro aspecto a destacar é a súa pantalla, de 5,5 polgadas e resolución FullHD. No interior atopamos o procesador Qualcomm Snapdragon 615, que funciona a 1,7 GHz e ten arquitectura de 64 bits. Dispón de 2 GB de RAM e versións de 16 ou 32 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 128 GB.

A cámara traseira é de 21 megapíxeles e conta cunha apertura focal f/2.0, mentres que para a frontal elixiron unha de 5 megapíxeles. É resistente á auga segundo o estándar IPX7 e dispón de conectividade 4G.

Moto X Style

moto x style

Pola súa banda, o Moto X Slyle é un trebello máis potente. A súa pantalla é de 5,7 polgadas FullHD e no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de memoria RAM, 16/32/64 GB de memoria interna ampliábeis por microSD, cámaras de 21 e 5 megapíxeles e batería de 3000 mAh, tamén con sistema de carga rápida.

Software e dispoñibilidade

Ambos os dous trebellos, ao igual ca o novo Moto G, veñen con Android 5.1.1 Lollipop stock e algunha que outra aplicación propia de Motorola, como Moto Voice, Moto Assist, Moto Display ou Moto Action.

En canto a dispoñibilidade, o Moto X Play chegará en agosto por 395 € e o Moto X Style en setembro por algo máis de 400 euros.

Deixa un Comentario