Presentado o OnePlus Two: estas son as súas características

Desde o seu lanzamento, o OnePlus One chamou a atención das usuarias máis exixentes ao ofrecer por un bo prezo unhas características hardware e software de gama alta, aínda que tamén é certo que as dificultades para facerse con eles desesperaron a máis dun.

one plus two

A compañía presenta agora a segunda versión do seu terminal, o OnePlus Two, un dispositivo que incorpora o procesador Snapdragon 810 versión 2.1 (que xa non ten os problemas de quecemento que tiña a versión inicial), con 8 núcleos e unha frecuencia de 1,8 GHz, e dúas configuracións / combinacións de RAM e memoria interna: 3 + 16 GB ou 4 + 64 GB.

A pantalla é un panel de 5,5 polgadas con resolución 11920 x 1080 píxeles (401 ppp) e un brilo de 600 nits, mentres que a cámara principal terá 13 Mpx, apertura f2.0 e sistema OIS antivibración, e a frontal 5 megapíxeles e sistema antidistorsión.

Ademais, o OnePlus Two incorpora batería de 3300 mAh, o novo conector USB Type-C, dual nanoSIM e é compatíbel con todas as bandas de telefonía móbil GSM e LTE que existen no Estado español. Porén, chama a atención a ausencia de NFC, sobre todo agora que semella que despegan os pagamentos móbiles.

one plus two - 3

En canto a software, OnePlus elaborou Oxygen OS, unha ROM baseada en AOSP, para o que contou con parte do equipo da mítica ROM Paranoid Android. Está baseada en Android 5.1.1 (será actualizada cando saia Android M) e entre outras características permite a adopción de diversos packs de iconas e trae preinstalado o teclado Swiftkey, unha das mellores alternativas con diccionario de galego.

Existen diversos acabados e cores, como cerámica, albaricoque negro, kevlar, bambú, palisandro e arenisca negra. O deseño é semellante ao anterior, dispondo ademais dun botón central que fai tamén de lector de pegadas dixitais.

one plus two - 2

Estamos pois ante un terminal moi potente, cun deseño coidado e un prezo moi competitivo, que se ben non chama tanto a atención como no One, segue a ser bo: custará 339 euros a versión de 3 GB de RAM e 16 GB de memoria interna e 399 € a de 4 GB e 64 GB de memoria interna. Estarán dispoñíbeis a partir do 11 de agosto.

Sobre o autor

No Responses

Reply