Hoxe lánzase Windows 10, prepárate para recibilo

windows 10 - 2

Chegou o día. Microsoft lanza hoxe Windows 10, a versión máis ambiciosa do seu sistema operativo estrela, co que, máis aló das novidades máis técnicas, inauguran un novo tempo para a compañía, cunha filosofía máis aberta da que xa fomos vendo outras chiscadelas, como ofrecer de balde Office para Android.

Gradualmente, millóns de ordenadores de todo o mundo con Windows 7, Windows 8 e Windows 8.1 irán recibindo a actualización a Windows 10, que será gratuíta durante o primeiro ano, sempre e cando se dispoña dunha licenza válida. Así a todo, quenes non tiveran unha licenza válida pero foran betatesters do programa Windows Insider tamén verán actualizado Windows 10 á versión final e legal.

Para todos os demais casos, existen un total de 7 edicións diferentes de Windows 10 que poder elixir:

  • Windows 10 Home. A estándar que virá preinstalada na meirande parte dos ordenadores que podemos mercar nas tendas. Virá co navegador Microsoft Edge preinstalado.
  • Windows 10 Pro. A versión Pro de Windwos, con opcións de conexión a servidores e acceso ao programa Windows Update for Business.
  • Windows 10 Mobile. sucesor de Windows Phone e orientado ao smarphone. Conta con versións de Office adaptadas a entornos táctiles e Continuum for Phones, que permite convertir o teléfono nun PC cando se conecta a un monitor, rato e teclado.
  • Windows 10 Mobile Enterprise. semellante á anterior, pero orientado a empresas, con licenzas especiais.
  • Windows 10 Enterprise. Semellante á Pro, pero destinada a grandes corporacións
  • Windows 10 Education. Semellante á Enterprise, pero orientada a institucións educativas e académicas.
  • Windows 10 IoT Core. Edición limitada, pensada para dispositivos de baixo custe.

windows 10

Se pretendemos actualizar o noso ordenador á nova versión debemos ter en conta que os requisitos mínimos son un procesador SoC de 1 GHz, 1 GB de memoria RAM (versión 32 bits) ou 2 GB (versión 64 bits), tarxeta gráfica DirectX 9 ou superior con controlador WDDM 1.0 e unha resolución de pantalla de 1024 x 600 píxeles.

Se o noso dispositivo cumpre coas especificacións requeridas e estamos en condicións de actualizar, o mellor é que antes de aceptar a actualización cando nos salte fagamos unha copia de seguridade dos nosos datos importantes, pois aínda que non debera pasarlles nada, debemos ser precavidos.

Así mesmo, tamén é fundamental termos ao día as actualizacións en Windows Update, tanto as propias de Windows como as de drivers ou programas de terceiros e desactivar temporalmente o antivirus para que non ande molestando por facer unha actualización do sistema. Deste xeito nos aseguraremos unha transición normalizada ao novo sistema operativo.

Tedes ganas de traballar co novo Windows? É cuestión de tempo que o teñades dispoñíbel no voso trebello 🙂

Sobre o autor

2 Comments

  1. karlggest 29 Xullo, 2015 Responder
    • Iago Varela Martínez 29 Xullo, 2015 Responder

Reply