Analizamos o miniproxector LG Minibeam PV150G

LG VP150G - 1

Hai unhas semanas LG anunciou unha nova gama de proxectores portátiles Minibeam composta por catro modelos: PW800, PW800G, PV150G e PF1500. Todos eles teñen en común seren dispositivos compactos que permiten ás usuarias disfrutar- de xeito económico – de toda unha experiencia cinematográfica dentro da súa casa ou partillar unha presentación nunha reunión de empresa.

Polas nosas mans vén de pasar o PV150G, un dos modelos máis compactos. O primeiro que chama a atención do trebello é precisamente o seu tamaño, que fai que se poida colocar en calquera sitio e que tampouco sexa difícil atoparlle un oco para gardalo cando non o esteamos a usar. Pesa tan só 270 gramos, polo que tamén é unha boa opción para a mobilidade, se por exemplo queremos facer presentacións ou pasar un bo cacho cando imos á casa das nosas amizades.

LG VP150G - 2

Pasando a falar das súas especificacións, conta cunha lámpada LED de 30.000 horas de duración (poderíamos ver 7894 veces as 3h48min que dura ‘O señor dos Aneis’ sen cambiala, por exemplo) e unha potencia lumínica de 100 lúmenes. Pode proxectar até 100 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles e ademais incorpora unha batería que logo de 3 horas de carga ofrece arredor de 2 de autonomía. Está claro que isto non nos garante un tempo de uso para ver completo un filme longo, mais si que soluciona moitos usos. En calquera caso, non hai problem por traballar con el conectado á rede.

Experiencia

Empregar o dispositivo é a cousa máis sinxela do mundo. Dispón de diferentes conexións para recibir a información, como HDMI ou Miracast / WiDi. Así mesmo, incorpora Smart Share, unha aplicación que permite conectarlle directamente un USB con imaxes, vídeos, arquivos de Office (Word, Excel, Power Point, PDF) sen necesidade de ter un ordenador ou smartphone / tablet que faga de soporte ou reprodutor.

LG VP150G - 3

Dispón duns altofalantes incorporados, cunha saída de audio aceptábel. Con todo, se realmente queremos ter unha boa experiencia de son o mellor é que conectemos a saída jack a un sistema de altofalantes externo, como un cinema na casa ou, se non dispomos de tal, outros altofalantes amplificadores, xa que a experiencia será moito mellor.

En canto a imaxe, sorprendeunos a boa calidade de saída. Hai que ter en conta que precisamos unha superficie lisa na que proxectar (o ideal sería unha pantalla branca, pero en ausencia desta unha parede branca ou dunha cor suave vale o mesmo) e unhas condicións de certa escuridade para ter a nitidez que desexamos.

En resumo, o LG PV150G é unha moi boa opción para quelas persoas que anden a buscar un proxector económico e cunha calidade máis que aceptable para poder disfrutar dos seus contidos multimedia ou levar nos seus desprazamentos para facer presentacións. Pódese mercar por uns 260 €.

Deixa un Comentario