Probamos a SanDisk Ultra Dual unha memoria con moitas posibilidades

Hoxe queremos achegarvos a SanDisk Ultra Dual, unha memoria externa que ten como principal característica o seu dobre conector, por unha banda USB 3.0 e por outra microUSB.

sandisk ultra dual 01

Grazas aos seus conectores, e se temos un terminal compatíbel (OTG) como son a meirande parte dos Android, podemos intercambiar arquivos entre dispositivos dun xeito doado, rápido e sen consumo excesivos de datos ou batería. As combinacións son moitas: smartphone – smartphone, smartphone – PC, PC – smartphone ou PC – PC.

sandisk ultra dual 02

sandisk ultra dual 03

Tras estala probando durante unhas semanas, atopamos que se trata dun trebello moi útil para todas as usuarias que non usan dun xeito intensivo a nube ou que queren ter unha copia de seguridade nun formato físico. Mais outra gran utilidade é, no caso das fotos, poder transferir entre o smartphone e o PC as imaxes de xeito rápido e seguro, sobre todo cando o volume de imaxes é alto (como pode ser despois dunhas vacacións) e non queremos estar pendendes da sincronización a través de aplicacións na nube, como podería ser o caso de Dropbox.

Como principais especificacións podemos destacar o seu tamaño compacto (11.0 x 19.8 x 36.6 mm), facilmente transportábel nun chaveiro, bolso ou carteira, e xa máis tecnicamente a velocidade de trasnsferencia, que acada até 130 MB/s se empregamos o USB 3.0.

Como é habitual neste tipo de accesorios, temos 5 anos de garantía, e podemos escoller até tres versións segundo a capacidade de almacenaxe: 16, 32 ou 64 GB. Por poñer un exemplo, a versión de 16 GB está por baixo dos 10 € en diversas tendas, como a que vedes nesta ligazón.

One Response

  1. Antón 24 Agosto, 2015 Responder

Deixa un Comentario