ZNAPS, unha nova forma de entender os cargadores

Entre os proxectos de financiamento colectivo de Kickstarter atopamos multitude de proxectos life hacks tecnolóxicos que nos poden axudar a facer a nosa vida máis cómoda. Entre eles atopamos ZNAPS, un sistema que pretende solucionar esa frustración que nos produce tentar introducir un cargador microUSB do revés.

Trátase, por un lado, dunha especie de tapón magnético que conectamos ao microUSB do noso smartphone, e por outro lado dun adaptador que debemos conectar ao cable. Deste xeito, cando queiramos pór a cargar o noso trebello unicamente teremos que achegar o cable para que, por atracción magnética, encaixen e comece o proceso.

ZNAPS

O sistema non ten moita ciencia, pero alguén tiña que facelo. E semella que a xente que está detrás deste proxecto pensou en todo, pois o conector que vai no smartphone é pequeno para que se adapte ás fundas, resiste a auga e tamén admite a transferencia de datos.

Estará dispoñíbel a partir de decembro, e cunha aportación de 9 dólares (pouco máis de 8 euros) podemos facernos cun. Non hai máis que pasarse pola web do proxecto.

Que vos parece o invento?

Deixa un Comentario