Analizamos o Asus ZenWatch

asus zenwatch reloxo

Son os reloxos intelixentes unha moda pasaxeira? Aínda é cedo para termos unha resposta a esa cuestión. Mais do que si estamos certos é que os smartwatches son unha realidade e son (somos) moitas as que xa non poderíamos vivir sen eles.

Nos últimos meses analizamos varios destes trebellos, unha parte deles con Android Wear e outros con Tizen, o sistema operativo polo que está a apostar Samsung nesta liña de produto. Entre os que usan Wear, o Asus ZenWatch que hoxe analizamos é un dos máis fermosos, unha cuestión relevante e diferenciadora, xa que a experiencia software é practicamente idéntica en todos.

Características técnicas do Asus ZenWatch

O trebello de Asus ten unha pantalla AMOLED cadrada de 1,63 polgadas e resolución 320 x 320 píxeles. No seu interior integra un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, acompañado de 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna.

Dispón dos sensores máis habituais (acelerómetro, brúxula, xiroscopio, lector de ritmo cardíaco), é resistente á auga (IP55) e a súa batería de 360 mAh cárgase a través dun adaptador propietario que se conecta a unha toma microUSB.

Deseño e acabados

Como diciamos na introdución, o deseño é fundamental para diferenciarse, e Asus consígueo neste reloxo que, malia ter a pantalla cadrada, está rodeada dun marco metálico que fai que nos pareza rectangular e se acomode mellor ao noso pulso.

A correa que trae de serie é de coiro, co estándar 22 mm, polo que podemos intercambiala cando queiramos na nosa reloxería de confianza. Porén, hai que dicir que é todo un acerto o acabado da orixinal, pois combina co reloxo facéndoo un todo fermoso e elegante.

asus zenwatch traseira

Na parte traseira do dispositivo atopamos o cargador propietario, polo que precisamos a base que se distribúe conxuntamente co reloxo. Está claro que isto ten unha razón, a resistencia á auga, pero desde o punto de vista da consumidora non resulta cómodo, pois hai que estar pendente de se lembrar a base se imos de viaxe e temos o inconvinte de poder quedar ‘tirados’ se esquecemos poñelo a cargar á noite. Hai que sinalar que esta é unha crítica que extendemos a todos os relxos intelixentes, pois o de Asus non é o único caso.

Tamén nesta zona traseira atopamos un botón que case podería ter sido eliminado, pois no tempo que estivemos probando o dispositivo non tivemos necesidade de usalo (realmente só o usamos á hora de escribir estas liñas para ver se tiña unha función extra descoñecida).

Experiencia de uso

No día a día o Asus ZenWatch sabe facerse un oco na nosa vida. Pesa pouco máis de 70 gramos, o que fai que nos esquezamos de que o levamos posto; consideramos que esto é algo relevante para a experiencia de usuario que a marca taiwanesa soubo coidar.

asus zenwatch maps

A pantalla vese moi ben tanto en ambientes interiores como exteriores se temos o brillo axeitadamente configurado. Porén, carece de sensor de luminosidade, polo que isto pode pode ser un pequeno problema se o temos cun brillo baixo (vese ben en interiores) e saímos ao exterior, onde non veremos nada. Ao final amáñase tendo seleccionado un brillo medio.

A batería de 360 mAh ofrécenos unha automía de máis ou menos un día e medio, aínda que en termos prácticos, temos que cargalo todas as noites, como o teléfono.

Experiencia software

Anteriormente comentamos que efectivamente o software non é un aspecto diferenciador dos reloxos con Android Wear, pois todas as opcións existentes no mercado teñen unha versión stock, sen capas de personalización.

asus zenwatch bruxula

Porén, Asus desenvolveu unha serie de aplicacións específicas para o reloxo, unha delas que complementa a oficial de Android Wear e permite personalizar o reloxo, con diferentes esferas que aumentan a personalización. Outra é un disparador de fotos remoto, que tamén permite visualizar a imaxe que sacaremos, que pode ser de utilidade en moitas situacións.

Conclusións

O Asus ZenWatch é un trebello que nos deixou moi bo sabor de boca no seu conxunto, e cremos que os taiwaneses souberon facer un dispositivo que vai máis aló do puramente funcional, tanto por deseño como por utilidades extra que marcan a diferenza.

Ten un prezo oficial de 229 €, aínda que en diversas tendas en liña pódese adquirir por menos cartos.

Sobre o autor

No Responses

Reply