O ZTE Blade V6 chega ao noso país por 229 €

ZTE_BladeV6_3

ZTE vén de anunciar o lanzamento no noso país do ZTE Blade V6, un dos últimos terminais da compañía, que xa se pode mercar libre por 229 €, aínda que, durante as primeiras semanas, distribuído só por Movistar.

O dispositivo, de gama media, destaca polos seus acabados en aluminio e un deseño compacto e estreito, pois tan só ten 6,8 mm de grosor.

En canto a prestacións, incorpora unha pantalla HD de 5 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz e con arquitectura de 64 bits, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, que poden ser ampliados con tarxetas microSD. No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal de 5, unha calidade máis que aceptábel para as amantes das selfies.

ZTE_BladeV6_2

Cabe sinalar que o lector de tarxetas microSD tamén vale para introducir unha segunda tarxeta SIM e poder traballar así con dous números no mesmo trebello, aínda que deste xeito non poderemos ter instalada unha tarxeta de memoria.

Comercialízase con Android 5.0 (Lollipop) e como promoción de lanzamento agasallan un cheque de 100 € para descontar en paquetes vacacionais de Halcón Viajes, unha oferta que pode resultar atractiva para moitas usuarias.

Deixa un Comentario