Da A á Z: todo sobre Alphabet e como queda Google

alphabet g google

A comezos de semana sorprendémonos coa nova de que Sundar Pichai, quen até o de agora exercía de Vicepresidente de Google e responsábel de Android, Chrome e Apps, promocionaba para converserse en CEO de Google, posto que deixa Larry Page (cofundador do buscador) para pasar a ser CEO de Alphabet.

Mais non só iso. O anuncio leva implícito que Google, como é agora, deixa de existir para formar parte dalgo máis grande chamado Alphabet. As preguntas saen por si soas: que muda en Google? quen é quen na compañía? que raio é Alphabet? A idea deste artigo é dar resposta a algunhas destas cuestións.

Alphabet

Co nome inspirado no alfabeto, Alphabet é a nova Google, un conglomerado de empresas independentes ligadas dun ou doutro xeito á tecnoloxía e ao I+D do máis diverso, na liña da evolución da compañía de Mountain View. A idea é ir completando ese abecedario de compañías, aínda nun primeiro momento forman parte estes 7 membros:

Alphabet

  • [C] Calico (California Life Company): ten como obxectivo a investigación biotecnolóxica para tentar alongar a vida humana, e nace como consecuencia da enfermidade da nai de Segei Brin (xunto con Larry Page, cofundador de Google), recentemente diagnosticada de párkinson. Polo de agora crearon uns lentes de contacto que son quen de medir a glucosa peresente no sangue, que ten como obxectivo axudar ás diabéticas no día ao día. O seu CEO é Art Levinson, que ademais é presidente do consello de Apple.
  • [F] Fiber: a empresa xurdiu da necesidade que veu Google de ofrecer conexións a Internet de calidade por fibra óptica. Dispón de varios plans, un acceso gratuíto e outro de pagamento que acada o 1 Gbps de descarga, con televisión e teléfono. Dentro desta empresa tamén está Fi, o OMV na nube que funciona sobre as redes de T-Mobile, Sprint e WiFi.
  • [G] Google: é o corazón de Alphabet, a empresa principal. Manterá as súas ocupacións habituais, centrándose no software e no negocio da publicidade, mapas, aplicacións, Android, YouTube e, como non, o propio buscador, que foi o que deu orixe a este soño. Aos mandos, o novo CEO, Sundar Pichai.
  • [N] Nest: coñecida porque desenvolveron o primeiro termostato intelixente e unha alarma de incendios que arrasa nos EEUU e que se pode controlar desde o smartphone. En xaneiro de 2014 foi mercada por Google por uns 3.200 millóns de dólares. O seu CEO é Tony Fadell, quen destaca polo seu esquisito gusto no deseño; entre outras cousas, foi o encargado de deseñar os primeiros iPod e os tres primeiros iPhone.
  • [X] XLab: é o capricho de Sergei Brin, o laboratorio de ideas tolas de onde saen os proxectos máis espectaculares de Google. Falamos das Google Glass, os automóbiles autónomos, o Project Loon (globos cos que pretenden dar cobertura de Internet aos lugares máis afastados do Planeta), un drone para reparto a domicilio…
  • [V] Venture e Capital: dúas empresas moi semellantes; pola súa banda, Venture centrarase nas empresas que están arrancando e buscan financiamento, mentres que Capital ocuparase de aportar capital ás start-up minimamente consolidades en diferentes rondas de financiamento. Os CEO’s son, respectivamente, Bill Marise e David Lawee. Este último destaca por ser quen lanzou Paypal no seu país, Canadá.

boston dynamics

Que pasa co resto de letras chamadas a completar ese abecedario? Pois será cuestión de tempo que vexamos como esa listaxe medra, pois de comezo xa botamos en falta nela importantes compañías en mans de Google merecentes de protagonismo dentro de Alphabet, as máis destacadas:

  • [B] Boston Dynamics: unha das adquisicións máis polémicas de Google. A empresa desenvolve todo tipo de robots, moitos deles inspirados en animais. Parte das investigacións tiveron a súa orixe (como moitas outras do mundo tecnolóxico) no eido militar
  • [D] Deepmind: outra das recentes compras de Google. A empresa adícase á intelixencia artificial.
  • [M] Makani: empresa californiana que se adica á extracción de enerxía eólica. É outra compra de Google.

Alphabet terá como web principal https://abc.xyz/, un enderezo que se afasta do tradicional .com (quizais porque alphabet.com xa estaba rexistrado?) e fai unha chiscadela á serie Silicon Valley e a corporación Hooli e a súa incubadora de ideas innovadoras XYZ, que ten por web de pego http://www.hooli.xyz/. Ademais, Alphabet será o nome co que este paraugas empresarial cotizará no Nasdaq americano, sustituíndo a Google tras 11 anos en bolsa, pero mantendo o símbolo que o identifica, GOOG.

Este movemento pretende servir para que Google volva ás orixes, a ser unha compañía relacionada co mercado de Internet e separando todo aquilo que se separa desa concepción inicial da empresa. Terá sentido? Pode que soe raro desde o punto de vista das usuarias, mais desde o punto de vista empresarial permite operar dunha forma máis clara para as inversoras, axudando a diferenciar o rendemento de cada unidade de negocio.

Produtos e servizos

Deixando de lado a parte corporativa e centrándonos no abecedario de produtos, servizos e aplicacións que ofrece Google (ou as empresas que foi adquirindo en todos os seus anos de vida), a listaxe é tan grande que case mete medo, pois practicamente non deixa ámbito da nosa vida (dixital) sen tocar.

google inc

A

  • Adsense / Adwords: servizos de publicidade en Internet, unha das maiores fontes de ingresos de Google.
  • Analytics: servizo de seguemento de tráfico e estatísticas web.
  • Alerts: servizo de alertas, co que as usuarias poden definir alertas se se producen novidades en buscas de contidos.
  • Android: que dicir de Android? é o noso sistema operativo favorito e o preferido pola meirande parte de fabricantes, ademais do que máis expansión ten no mercado. Cada vez máis é un sistema omnipresente, dispoñíbel en infinidade de trebellos de diversa índole.
  • Ara: proxecto de móbiles modulares,  no que as pezas se encaixan como se fose un xoguete Lego.
  • Auto: departamento que se encarga do desenvolvemento dos vehículos autónomos que Google está a probar, aínda que tamén é a denominación que recibe o Android adaptado aos sistemas de navegación e ocio no automóbil.

B

  • Blogger: servizo de publicacicón de blogs, moi popular outrora, aínda que agora foi perdendo peso en favor de WordPress.

C

  • Calendar: servizo que nos permite organizar a nosa axenda e recordatorios dun xeito sinxelo e ao tempo moi completo.
  • Cardboard: xurdiu como experimento de crear uns lentes de realidade virtual económicos. As Cardboard están feitas de cartón e deseñadas como un recortábel que calquera pode imprimir e montar.
  • Chrome: navegador web xurdido a partir do navegador libre Chromium. Hoxe en día é o preferido polas usuarias.
  • Chromebooks: ordenadores portátiles que empregan ChromeOS.
  • Chromecast: é un pequeno aparello que se conecta á WiFi e ao porto HDMI da televisión, ao que podemos enviar contido desde diferentes trebellos para que se reproduza na pantalla da TV.
  • ChromeOS: sistema operativo baseado en web creado por Google. Basicamente a interface é a dun navegador web.
  • Currents: servizo de lectura de feeds.

chromebooks

D

  • Design: un espazo reservado a programadores e deseñadores, liderado por Matías Duarte, a quen debemos a responsabilidade da interface de moitos produtos de Google.
  • Drive: é o resultado de mixturar un sistema de almacenaxe na nube ao estilo Dropbox integrando as capacidades ofimáticas na nube do (defunto) Google Docs.

E

  • Earth: aínda que nos últimos tempos perdeu protagonismo en favor de Maps, Earth é unha ferramenta moito máis potente, con mapas en 3D e infinidade de opcións. Distinguía unha versión gratuíta e outra de pagamento, pero esta última xa é accesíbel tamén sen pagar.
  • Express: servizo de entrega de compras no día, polo de agora unicamente nos Estados Unidos.

F

  • Fit: aplicación que controla a nosa actividade física, permitindo marcarnos obxectivos a cumprir.
  • Flights: servizo de busca e comparación de voos, integrado no buscador.
  • Finance: servizo de información financieira.

G

  • Glass: o proxecto de lentes intelixentes. Logo de pasar unha longa fase beta, atópanse desenvolvendo unha nova versión, seguramente máis ligada ao mundo empresarial.
  • Gmail: No seu nacemento, en 2004, fíxose popular por ofrecer 1 GB de capacidade, cando a competencia (Hotmail) tiña só 2 MB. Hoxe é un dos principais servizos de correo electrónico.
  • Goggles: aplicación que serve para ler códigos de barras, QRs, procurar información a través de fotografías…
  • Google: O BUSCADOR. Debe o seu nome ao termo Googol, 10100, é dicir, un 1 seguido de 100 ceros.

H

  • Hangouts: servizo de mensaxería instantánea e multidispositivo que chegou para sustituír a Google Talk, completándoa con chamadas de voz e videochamadas.

I

  • Inbox: a reinvención do correo electrónico segundo Google: para algunha xente, unha gran ferramenta que aumenta a produtividade, para outros, un quebradeiro de cabeza inútil.
  • Ingress: xogo de realidade aumentada que se divide ás xogadoras en dous bandos, iluminados e resistencia.

J

  • Jump: proxecto para vídeos en 360º e realidade aumentada, moi relacionado con Cardboard.

K

  • Keep: integrado en Google Drive, é un servizo de notas en modo post-it e listaxes.

L

  • Local: servizo vencellado a Google Maps, para coñecer información sobre establecementos próximos a onde nos atopamos.
  • Loon: proxecto xurdido do Lab X co que pretenden levar Internet a todos os recunchos do Planeta.

M

  • Maps: o servizo de mapas de Google, con información de tráfico e transporte en tempo real e integración con puntos de interese.

N

  • News: servizo de agregación de novas, pechado recentemente no noso país.
  • Nexus: os dispositivos con selo Google. Temos smartphones, tablets, reprodutores… en común que son desenvoltos por fabricantes atendendo ás indicacións da propia Google, e adoitan servir para presentar novas versións de Android.
  • Now: asistente integrado no buscador de Android, que aprende dos nosos hábitos e recolle información dos diferentes produtos que empregamos para achegarnos toda a información de utilidade nun mesmo lugar.

O

  • Offers: foi un servizo de cupóns de desconto (tipo Groupon) que funcionou nos EEUU, pechado hai un ano.

P

  • Photos: servizo de almacenaxe ilimitado na nube. Primeiramente estivo ligado a Plus, mais agora é independente.
  • Play: naceu como unificación de diferentes servizos de contidos (Android Market, Books, Music… ); actualmente é a tenda na que podemos atopar e mercar aplicacións, música, filmes, libros, revistas…
  • Plus: o proxecto de rede social de Google. Moi útil para moitas usuarias, odiada por moitas outras, sobre todo por algunhas actuacións cuestionábeis por Google para forzar o seu uso.

google play

R

  • Reader: popular lector de feeds. O seu peche supuxo unha gran perda para moitas usuarias.
  • Rewards: servizo de enquisas a cambio de saldo na Play Store (dispoñíbel en USA, Brasil e Mexico)

S

  • Shopping: servizo de comparación de prezos entre diferentes tendas.
  • Street View: vencellado a Google Maps, é un servizo que permite visualizar moitas rúas e lugares de todo o planeta.

T

  • Tango: proxecto  en certa maneira ligado a Ara, que consiste nun dispositivo que permite crear mapas en 3D de espazos.
  • Translate: servizo de tradución entre ducias de idiomas e en tempo real, aínda que ás veces con algún que outro resultado esperpéntico.

V

  • Voice: servizo de chamadas de voz ou móbil virtual, con bastante penetración nos EEUU.

W

  • Wallet: sistema de pagamento, que podería ter os días contados coa chegada de Google Pay (ou Android Pay), agardado para o outono.
  • Waze: servizo de información de tráfico en tempo real, adquirido por Google en 2013 e integrado en parte en Google Maps.
  • Wear: a versión de Android adicada aos wearables, principalmente reloxos.
  • Wing: o proxecto no que están traballando para facer entregas a través de drones.

Y

  • YouTube: popular plataforma de vídeo en liña. Google tivo a súa propia plataforma de vídeos, Google Videos, con pouco éxito. Porén, mercar YouTube non seus comezos debeu ser unha das mellores inversións feitas nunca no mundo da tecnoloxía.

X

  • X: espazo no que se introducen todos os proxectos innovadores da compañía.

Z

  • Zagat: procedente doutra compra e, con certo parecido a Google Local, é un servizo de recomendacións locais.

Ver case todos os produtos de Google listados e ser usuarias de moitos deles fainos decatar do dependentes que somos desta compañía, e mesmo pon algo de medo. Conseguirán manter esa fidelidade nos novos produtos que saian de Alphabet? O futuro semella prometedor. A ver se estamos para contalo! 🙂

Deixa un Comentario