Samsung reinventa a saga Note co novo Galaxy Note 5

Cando no 2011 Samsung anunciou o Galaxy Note foron moitas as voces que criticaron un trebello cunha pantalla tan grande e a presenza dun stylus. Porén, a compañía surcoreana tiña claro que ese tipo de dispositivo crearía tendencia e facilitaría o día a día de moitas usuarias. Hoxe, 4 anos máis tarde, ninguén nega o éxito desta saga que foi mellorando en cada nova actualización, e do que hoxe coñecemos a quinta versión, o Samsung Galaxy Note 5.

galaxy note 5

Tras a presentación dos Galaxy S6 e S6 Edge no seo do MWC xa tiñamos máis ou menos claro que o novo Note 5 coidaría o seu deseño e acabados, algo que vimos de confirmar. Atrás quedan os plásticos ou as simulacións de coiro, materiais que dan paso ao cristal e o metal, que nos ofrecen unha sensación de moita maior calidade.

presentacion galaxy note 5

En canto ás especificacións, o novo Samsung Galaxy Note 5 incorpora unha pantalla SuperAMOLED QHD de 5,7 polgadas e resolución 2560 x 1444o píxeles (518 píxeles por polgada). No interior temos un procesador fabricado pola propia Samsung, o Exynos 7 de oito núcleos (4 a 2,1 GHz e 4 a 1,56 GHz), acompañado por 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna.

galaxy note 5 - galaxy note s6 edge+ (2)

A cámara principal é de 16 Megapíxeles, mentres que a frontal queda nos 5 Mpx; ambas as dúas teñen unha apertura de f/1.9. Dispón de conexión 4G (Cat 9 ou Cat 6, segundo rexións), 3000 mAh de capacidade de batería (con carga rápida e, como novidade, carga rápida sen fíos), NFC, sensor de ritmo cardíaco, lector de pegada dixital e, por suposto, S-Pen.

galaxy note 5 s pen

Como era de agardar, o sistema operativo empregado neste novo terminal é Android 5.1 Lollipop coa capa TouchWiz e funcionalidades que permiten sacar todo o partido ao S-Pen, un stylus que cada vez ten máis funcións.

Galaxy S6 Edge+

samsung galaxy s6 edge+

Tal e como fora filtrado, tamén anunciaron unha versión “plus” do Samsung Galaxy Note S6 Edge, coas mesmas especificacións ca o Galaxy Note 5, mais sen S-Pen e coa pantalla curvada a ambos lados.

A evolución hardware do S6 Edge+ desde a versión que coñecemos no MWC está no aumento do tamaño da pantalla, da memoria RAM e da capacidade da batería. Porén, tamén atopamos novas funcionalidades software, sobre todo no que ten a ver coa xestión de contactos a través o sistema Quick Access.

Confírmase tamén o curioso teclado accesorio que se filtrou hai uns días, Keyboard Cover, que como curiosidade non ten batería nin emprega o Bluetooth para conectarse co trebello: simplemente fai uso da pantalla capacitiva.

teclado galaxy note 5

Dispoñibilidade

Ambos os dous trebellos estarán dispoñíbeis nos Estados Unidos e Canadá o 21 de agosto. O Galaxy Note 5 non chegará, de momento, a Europa. Porén, o Galaxy S6 Edge+ xa se pode pre-mercar por 799 € / 899 €, segundo versións 32 ou 64 GB, desde a web de Samsung,

Sobre o autor

No Responses

Reply