Samsung Pay, o servizo de pagos de Samsung

samsung pay

O Unpacked desta tarde deixounos diversas novidades de Samsung, por suposto a máis destacada a presentación dos novos Galaxy Note 5 e Galaxy S6 Edge+. Con todo, merece a nosa atención o lanzamento de Samsung Pay, a plataforma de pagamentos desde o móbil.

Samsung Pay aspira a ter virtualizadas todas as nosas tarxetas de débito ou crédito, máis tamén as de fidelización de supermercados e comercios, de tal xeito que non teñamos que andar cargando coa carteira cando saiamos de compras.

samsung pay 3

Quizais o que máis chama a atención é que funciona tanto cos terminais de pagamento NFC como cos TPV actuais magnéticos, para o que emprega unha tecnoloxía chamada MST (Magnetic Secure Transmisions), de pagamento sen fíos.

O funcionamento é moi sinxelo: unha vez que iniciamos Samsung Pay desprazarémonos até chegar á tarxeta que queiramos empregar e aceptaremos a transacción mediante o uso da pegada dixital, un sistema moito máis seguro que o da firma ou o PIN que estamos acostumados a empregar actualmente.

samsung pay - 2

Samsung Pay estará dispoñíbel desde o 20 de setembro en Corea do Sur, 28 de setembro USA e, moi axiña, no noso país.

Co lanzamento de Samsung Pay, ao que se suma o servizo semellante de Apple e o que chegará da man de Google xunto aos novos Nexus, semella que os pagamentos móbiles veñen pisando forte. Estades dispostos a pasarvos a eles?

No Responses

Deixa un Comentario