O administrador de dispositivos, un imprescindíbel nestes días

Esta semana tivemos un accidente na oficina: un LG G2 foi directo ao chan e a pantalla esnaquizou por completo. Tan grave foi a caída que quedou mesmo sen sensibilidade tátil.

lg g2 escachado

Nesta situación o que nos preocupa son os documentos ou arquivos que temos na memoria. Poderémolos recuperar? Como? No noso caso ese non foi o problema xa que tiñamos copias de seguridade de todo. Mais, o que non queriamos era ter que levar o terminal a reparar cunha chea de arquivos persoais, apps logueadas, etcétera.

En moitas ocasións as pantallas rachan, pero non deixan de funcionar, pero no noso caso, ao deixar de funcionar quixémolo conectar a un usb dun PC pero non se conecta como unidade de almacenamento, só se pon a cargar. Se dende o PC, tivésemos acceso a esas carpetas, poderiamos salvar os arquivos en caso de non ter copia de seguridade e mesmo facer un borrado forzoso de todas os cartafoles. Ao non poder, como limpamos o noso terminal?

Por sorte, tiñamos configurado o administrador de dispositivos neste terminal e deste xeito puidemos facer un reseteo remoto do noso G2.

Por se non coñecedes esta ferramenta de Google, non é máis ca unha web na que podemos localizar o noso terminal nun mapa, se non o atopamos podémolo facer soar (seguro que está debaixo do coxín do sofá 😉 ) e podemos borrar o contido sensíbel que todos temos nos smartphones e mesmo bloquear o terminal.

admin dispositivos 01

admin dispositivos 02

admin dispositivos 03 bis

admin dispositivos 04

Estas funcións son de moita axuda tanto se o perdemos como se se nos escacha a pantalla e non podemos premer sobre ela. Así que, briconsello mallandroide, non dubidedes e activade / configurade este servizo de Google. O día menos pensado podédelo precisar!

No Responses

Deixa un Comentario