Analizamos o LG G4 Stylus

LG G4 Stylus - 1

Un dos últimos terminais que analizamos no blog foi o LG G4, o flagship de LG para este 2015. O trebello destaca especialmente por dous aspectos que o fan singular: os seus acabados premium (en coiro) e a cámara, configurábel até o último aspecto de xeito manual.

Agora vén de pasar polas nosas mans o LG G4 Stylus, unha versión inspirada no primeiro, aínda que cunhas especificacións moito máis recurtadas. A táctica de naming do Stylus é bastante habitual en grandes marcas como LG, Samsung ou HTC, entre outras, e pretende recoller o tirón do flagship para que a xente que non queira gastar tanto teña unha opción mini. Porén, non isto non debe levarnos a enganos, pois nin está na mesma gama ca o buque insignia nin a experiencia entre ambos non ten algo que ver; verémolo ao longo do artigo.

Deseño, acabado e conexións

O LG G4 Stylus segue coa liña de deseño dos últimos trebellos de LG, precindindo de calquera botón na parte frontal ou en calquera das aristas. Os tres que integra (acendido e os dous de volume) sitúanse na parte posterior, xunto á cámara principal, o flash LED e o láser que axuda ao enfoque. Na parte inferior temos o conector microUSB para cargar a batería ou transferir datos e na superior, o jack 3.5 de audio por un lado e o stylus, que lle dá apelido ao terminal, polo outro.

LG G4 Stylus - 2

O trebello ten a tapa posterior desmontábel, o que permite mudarmos a batería e introducir as tarxetas microSIM e microSD. En canto a acabados, optaron por un plástico lixeiramente rugoso que achega unha boa sensación nas mans e simula, en certa maneira, un aspecto metal, aínda que con tacto cálido.

Pantalla

Integra unha pantalla de 5,7 polgadas e resolución HD (1280 x 720 píxeles, 258 ppi), un tamaño ideal para as amantes dos teléfonos grandes, aínda que cunha calidade algo pobre para semellante panel. Porén, malia ese nível de resolución, achega unhas cores moi vivas, en certa maneira potenciadas de xeito natural por unha moi boa aplicación do brillo, algo no que LG ten bastante experiencia.

LG G4 Stylus - 4

Falando do brillo, bótase en falta a existencia dun sensor que xestione a cantidade de brillo automaticamente, atendendo ás condicións de luminosidade; para suplir esta falta, a barra de xestión deste está dispoñíbel onde as notificacións para un acceso rápido, ademais de dispór dun botón que permite aplicar 0 / 50 ou 90 % axilmente.

Sistema operativo

O trebello incorpora Android 5.0.2 (Lollipop), que imaxinamos será actualizado a algunha versión superior (quizais non a Marshmallow), pero do que aínda non hai información oficial. Como sempre, sobre ela unha capa de personalización, aínda que sen moita cousa destacábel máis aló dun par de aplicacións de LG e QuickMemo.

Bótase en falta a existencia de ferramentas ou utilidades para o lapis (stylus) que incorpora, pois realmente non ten ningunha utilidade específica como no caso do S-Pen da saga Galaxy Note de Samsung, con quen se podería comparar. A única función do lapis é como sustituto do dedo para movernos polas pantallas, e neste senso hai que dicir que a experiencia é moi cómoda.

Cámara

Monta unha cámara principal é de 13 megapíxeles, mentres que para a frontal escolleron un sensor de 5 megapíxeles. Os resultados son bastante aceptables, aínda que, vindo de probar o G4, bótanse en falta opcións que nos permitan axustar manualmente os parámetros da fotografía.

LG G4 Stylus - 3

Cando sacamos imaxes en contornas con bastante luz acusa certo branqueamento das imaxes, que para as paisaxes con ceos poden mudar un tris a realidade. Polo demais, é bastante rápida e funciona aceptabelmente en interiores. Podedes ver unha pequena mostra no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería é de 3000 mAh, desmontable para podela intercambiar se así o desexamos. Achega unha autonomía que supera o día de uso e permite activar medidas de aforro enerxético para poder aumentar as horas de actividade a costa de restrinxir algunhas características.

Conclusións

Completan as especificacións deste trebello un proceador quad-core a 1,2 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis con microSD. Certamente son características de gama media, polo que non debemos levarnos a enganos engatusados polo seu tamaño.

Cumpre perfectamente, mais sufre certo lag ao cargar as aplicacións ou cando cargamos o terminal de cousas abertas ao mesmo tempo. Como diciamos ao comezo, non podemos agardar, coas súas especificacións, un funcionamento semellante ao do LG G4 porque son trebellos radicalmente diferentes.

O LG G4 Stylus está á venda por uns 230 € no mercado libre, aínda que se pode mercar en diversos operadores con subvención, como é o caso da galega R. Unha relación calidade / prezo bastante acertada para este dispositivo.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 1 Setembro, 2015 Responder

Reply