Huawei anuncia o Huawei Mate S

Tal e como se agardaba, Huawei levou á IFA de Berlín, a última das grandes feiras do ano que se celebra esta semana, diversos trebellos. Entre as novidades da marca chinesa destaca o Huawei Mate S, o sucesor do Ascend Mate 7.

huawei mate s - portada

Trátase dun trebello cunha pantalla de gran tamaño (6 polgadas con resolución 1080p e protección Gorilla Glass 4) e que non escatima en potencia: no interior alberga un procesador de fabricación propia, o HiSilicon Kirin 935, acompañado de 3 GB de memoria RAM e 32 GB ou 64 GB de memoria interna, segundo versións.

huawei mate s - 1

No apartado multimedia, a cámara principal é de 13 megapíxeles con sensor RGBW, estabilizador óptico, LED de dobre temperatura e procesador de imaxe, mentres que na frontal temos un sensor de 8 megapíxeles que tamén inclúe flash, para non ter problemas de iluminación se sacamos selfies en malas condicións lumínicas.

huawei mate s - 2

Ao igual que os últimos trebellos da compañía, ten soporte para dúas tarxetas SIM e redes 4G en ambos slots. Así mesmo, integra lector de pegadas dixitais con até 5 funcións diferentes, 4100 mAh de batería e Android 5.1.1 (Lollipop) coa interface Emotion UI 3.1.

Lector de pegadas dixitais avanzado

Como comentábamos, o Mate S integra un lector de pegadas dixitais vitaminado; trátase dun dos aspectos aos que o fabricante chinés prestou máis atención, mellorándoo sobre os lectores que podemos ver en terminais anteriores da marca.

huawei mate s - 3

Entre as cousas que podemos facer destaca o control de diversas notificacións, as selfies, responder ás chamadas telefónicas, xestionar as alarmas e, por suposto, aceptar os pagamentos cos sistemas que están por vir antes de que remate o ano, nomeadamente o de Google / Android.

Unha versión con pantalla Force Touch

O Mate S estará dispoñíbel en tres versións, unha estándar con 32 GB de memoria interna, unha premium, que dobra a capacidade (64 GB) e unha terceira que tamén integra pantalla con tecnoloxía Force Touch, que diferenza niveis de presión sobre ela.

huawei mate s - 4

Como anécdota da xornada, durante a presentación aproveitaron para usar esta funcionalidade para pesar unha laranxa, mais as posibilidades son case infinitas.

Dispoñibilidade

O Huawei Mate S estará dispoñíbel a partir do 15 de setembro en 30 países, entre eles o noso. Poderase adquirir a través de Vmall.eu por estas cantidades:

  • 649 €: Modelo estándar 32 GB (gris titaneo ou champán)
  • 699 €: Modelo premium 64 GB (ouro ou rosa)
  • ??? €: Modelo con Force Touch (pendente de indicar o prezo)

Que vos parece o novo trebello?

No Responses

Deixa un Comentario