Todos os detalles do Samsung Gear S2

samsung gear s2 - 3

Malia que xa foi anunciado hai tres de días, adiantándose ao evento de posta de longo que se vén de celebrar en Berlín, agora somos quen de coñecer todos os datos do Gear S2, que supón a reinvención do smartwatch Gear para Samsung. Do mesmo xeito que o Galaxy S6 supuxo rachar o pasado na liña de smartphones da compañía, o novo Gear S2 deixa atrás deseños beta, que incluíron pantallas cadradas e curvadas.

O novo reloxo destaca pola presenza dunha pantalla SuperAMOLED circular e, como adiantamos, pola presenza dun par de botóns físicos, un de inicio e outro de atrás. Así mesmo, hai 3 modelos diferentes: Gear S2, Gear S2 Classic e Gear S2 3G; o primeiro deles é o que ten un deseño máis minimalista, o segundo aposta por uns acabados que lembran máis a un reloxo tradicional e o último incorpora conexión 3G.

samsung gear s2

En canto a especificacións, todos inclúen unha pantalla circular de 1,2 polgadas (360 x 360, 302 ppi), procesador dual core a 1 GHz, 512 MB de memoria RAM, 4 GB de memoria interna, 250 mAh de batería (din que dura 2 – 3 días), resistencia a pó e auga segundo estándar IP68, sensores de todo tipo e Tizen como sistema operativo que pon orde a todo.

O modelo 3G non ten slot para tarxeta, senón e-SIM, é dicir, unha tarxeta SIM integrada no trebello que pode ser reescrita por calquera operador, polo que o cambio de SIM pode facerse en segundos. Ademais, ten algo máis de batería (300 mAh), dado que o consumo é maior ao ter conectividade móbil.

Cómpre destacar que desta vez son compatíbeis con todos os Android e non só cos Samsung, como ocorría até o de agora, o que tamén dá pé a pensar que desde Samsung están seguros de que xa teñen un trebello do que poden presumir fóra dos clientes habituais (léase, fans) da compañía.

En canto a prezos, o Gear S2 custará 349 € e o Gear S2 Classic 399 €.

Na seguinte infografía recóllense as principais novidades do reloxo.

samsung gear s2 - 4 - infografia

 

No Responses

Deixa un Comentario