Sony anuncia o Xperia Z5, Z5 Compact e Z5 Premium

Xperia Z5_Verde

Tras un Z4 que non saíu do Xapón, Sony vén de anunciar o Xperia Z5, o buque insignia da compañía, que vén acompañado dunha versión con pantalla menor, o Xperia Z5 Compact, e un terceiro dispositivo, o Xperia Z5 Premium, que destaca por ter unha pantalla 4K.

Os trebellos incorporan pantallas que van desde as 4,6 polgadas (resolución 720p) do Compact ás 5,5 (2160p (4K)) do Premium, pasando polas 5,2 (1080p) do Z5. Todas elas veñen cun brillo de 700 nits, o máis alto do mercado actualmente.

Xperia Z5 Compact_Amarillo

A cámara principal é de 23 megapíxeles, mentres que a frontal queda nos 5. Destaca a presenza dun sistema de enfoque híbrido, que segundo din permite facer cambios de enfoque en 3 centésimas de segundo grazas á detección da fase. Tamén permite facer zoom sen distorsión até 5 aumentos, aínda que isto reduce as imaxes a 8 megapíxeles.

Do resto de especificacións, todos eles incorporan un procesador Snapdragon 810 e memoria de 32 GB (ampliábel por microSD). A RAM do Compact é de 2 GB, mentres que no Z5 e no Premium é de 3 GB. Tamén cambia a batería segundo o modelo: 2700 mAh (Compact), 2900 mAh (Z5), 3600 mAh (Premium).

Xperia Z5 Premium_Negro

En canto a deseño, Sony apostou por unha liña continuísta, nada raro na saga Xperia Z, que se caracteriza precisamente por ser máis do mesmo modelo tras modelo. Nos acabados atopamos gran presenza do aluminio e o cristal, así como detalles coidados, como o lector de pegadas dixitais, situado no botón de acendido. Todo un acerto.

Como curiosidade dicir que os trebellos dispoñen de diferentes perfís de usuario, accesíbeis mediante o desbloqueo por pegada dixital, de tal forma que cadaquén terá acceso a unha configuración propia.

Estarán dispoñíbeis no mes de setembro (Z5 Compact), outubro (Z5) e novembro (Z5 Premium), aínda que o prezo non foi desvelado.

No Responses

Deixa un Comentario