Acer renova a gama media con novos Liquid Z

Aa diferenza doutros fabricantes, a aposta de Acer para o IFA consistiu no desembarco dun amplo número de dispositivos, con pequenas diferenzas entre eles para adaptarse ás diferentes esixencias do mercado, aínda que sen saír da gama media e de entrada. En total, 8 novos trebellos, 6 con Android 5.1 (Lollipop) e 2 con Windows 10.

Acer Liquid Z630 e Z630S

acer liquid z630

Comezando polos trebellos máis completos, os Z630 e Z630S incorporan unha pantalla de 5,5 polgadas. cámaras frontais e traseiras de 8 megapíxeles, conectividade 4G e batería de 4000 mAh. As diferenzas entre ambos modelos están no procesador, memoria RAM e memoria interna:

  • Z630: 4 núcleos / 2 GB de RAM / 16 GB memoria interna.
  • Z630S: 8 núcelos / 3 GB de RAM / 32 GB memoria interna.

Acer Liquid Z530 e Z530S

Liquid_Z530_white_

Trátase dunhas versións reducidas dos dispositivos anteriores, coas mesmas especificacións internas, agás na batería, que imaxinamos que será algo menor, aínda que non se especifica. Porén, o cambio máis destacábel é a pantalla, que baixa até as 5 polgadas.

Acer Liquid Z330 

Acer Liquid Z330

Un paso por detrás sitúase o Liquid Z330, un trebello con pantalla de 4,5 polgadas (854 x 480 píxeles), procesador Qualcomm Snapdragon 210, 1 GB de memoria RAM, 8 GB de memoria interna e cámaras frontal e traseira de 5 megapíxeles. Conta con conectividade LTE.

Acer Liquid Z320

Chegamos ao trebello máis básico de todos, pensado como “primeiro móbil”. Comparte co Z330 todas as especificacións agás a calidade da cámara frontal, que se sitúa nos 2 megapíxeles, e a conectividade LTE, que non ten.

Acer Liquid M330 e Acer Liquid M320

Acer Liquid M320

Acer anunciou ademais dous trebellos extra, os M330 e os M320, cuxas especificacións son exactamente as mesmas ca os Liquid Z330 e Z320, respectivamente. A diferenza está en que empregan Windows 10 como sistema operativo.

Prezos e dispoñibilidade

A compañía confirma os seguintes prezos e prazos para a dispoñibilidade no noso país:

  • Liquid Z630: 199 € (setembro)
  • Liquid Z530: 149 € (setembro)
  • Liquid Z330 / M330: 129 € (outubro – decembro)
  • Liquid Z230 / M230: sen datos

Que vos parece esta aposta?

Deixa un Comentario