Archos presenta novos smartphones e tablets na IFA de Berlín

O fabricante francés Archos tamén estivo presente estes días na IFA de Berlín, dando a coñecer os novos dispositivos cos que enfrenta os últimos meses do 2015. Malia que noutras ocasións, como o MWC, centrou a súa exposición en gadgets para o fogar, desta vez o foco estivo nas tablets e nos smartphones, presentando un total de 4 novos dispositivos.

Archos Diamond S
archos diamond sO Diamond S é un trebello que aspira a ser unha sorte de referente para a marca, a modo de buque insignia. Incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles con protección Gorilla Glass 3. As súas cámaras destacan por ser un dos puntos fortes do terminal, incorporando un sensor de 16 megapíxeles na traseira e outro de 8 na frontal.

Completan as súas especificacións un procesador MediaTek de 8 núcleos a 1,5 GHz, 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna (ampliábeis) e batería de 2300 mAh.

Custa 239 € e estará nas tendas no mes de novembro.

Archos Diamond Plus

archos diamond plus

O Diamond Plus está orientado ao público que precisa unha pantalla máis grande. Para iso conta cun panel IPS FHD de 5,5 polgadas (1920 x 1080 píxeles) e un deseño que se curva na parte traseira para facilitar o seu agarre e facelo máis manexábel na man.

No interior vén equipado cun procesador de oito núcleos MediaTek Cortex A53 a 1,5 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (ampliábeis con microSD de 32 GB). As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, co que a calidade das selfies tamén é notoria. Por último, a súa batería é de 2850 mAh e vén equipado con sistema de carga rápida.

Estará dispoñíbel en novembro por 289,99 €.

Archos 50e Helium e Archos 50 Cesium

archos 50e helium

Baixando de gama, os Archos 50e Helium e Archos 50 Cesium resultan ser o mesmo trebello, aínda que o primeiro funciona con Android 5.1 Lollipop e o Cesium con Windows 10.

Contan cunha pantalla IPS de 5 polgadas con resolución 1280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 210 (catro núcleos a 1,1 GHz), 1 GB de memoria RAM, 8 GB de almacenamento interno ampliábeis por microSD de até 32 GB e cámaras de 8 e 2 megapíxeles.

Chegarán en novembro por 129 €.

Archos Diamond Tab

archos diamond tab

Finalmente, a nova tablet Archos Diamond Tab é a “versión tablet” do seu smartphone Diamond S, na gama alta da compañía. Trátase da súa primeira tablet 4G con procesador de oito núcelos (MediaTek a 1,7 GHz), que ademais inclúe 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno. A súa pantalla é un panel HD IPS de 7,9 polgadas (2048 x 1536 píxeles), as cámaras de 5 e 2 megapíxeles e a batería de 4800 mAh.

Estará dispoñíbel no mes de outubro por 199,99 €.

Todos os trebellos que funcionan con Android veñen coa versión 5.1 Lollipop, aínda que sen concretar se recibirán actualización a Marshmallow, a nova versión que se agarda para este outono. Destaca ademais a aposta da compañía polo 4G, unha tecnoloxía de conectividade que xa incorporan todos os seus produtos e que permiten sacar partido ás novas redes de datos das operadoras.

Sobre o autor

Reply