Android Pay xa está dispoñíbel (nos EEUU)

android pay - 1

Malia que agardabamos que chegase xunto cos novos Nexus (que segundo os últimos rumores serán presentados o 29 de setembro), Google anunciou esta tarde a chegada de Android Pay, aínda que como é habitual nos novos produtos da compañía, polo de agora só está dispoñíbel nos Estados Unidos.

android pay - 2

Android Pay é compatíbel con todos os trebellos Android que dispoñan de chip NFC e unha versión superior á 4.4 (KitKat), e funciona en todos os TPV das tendas e outros lugares que dispoñan do sistema contactless. A idea é termos as tarxetas de crédito ou débito virtualizadas en Android Pay para poder operar con elas.

Para levar iso a cabo, Google acadou ducias de acordos con diferentes entidades emisaras de tarxetas, entre elas Visa e MasterCard, ademais de bancos e tendas ou marcas que dispoñen de puntos de venda con sistema de pagamento sen fíos.

android pay - 3

Así mesmo, a compañía centrou os seus esforzos na seguridade, de tal xeito que impide que os establecementos nos que facemos as nosas compras teñan acceso aos nosos datos, e no caso de perder o móbil podemos bloquear todas as contas a través do administrador de dispositivos.

Agora só queda agardar que os de Mountain View se decidan a dar o salto e habilitar este sistema no noso país, onde cada día son máis habituais os puntos de venda compatíbeis coa tecnoloxía sen fíos.

Máis info: Android Pay

Deixa un Comentario